Inicio
Áreas
Medioambiente
Medioambiente
O Concello de Ames concédelle unha importancia estratéxica á programación das súas accións ambientais destinadas á preservación dos recursos e bens naturais do termo municipal e á xeración de novas actitudes cidadás que permitan un desenvolvemento local perdurable. O compromiso da Corporación Municipal coa xestión ecosocial dos seus recursos exprésase na subscrición da Carta de Aalborg e na implantación da Axenda Local 21.
Promoción de rotas e sendas verdes
Crearase un plano de recuperación dos camiños tradicionais e de novos roteiros. Dentro dos programas das "Rotas da auga" e do Proder, encetarase a recuperación a curto prazo da rota de Bertamiráns a Augapesada pola beira do río.
Residuos
A aposta de forma decidida pola compostaxe como método de eliminación e redución de residuos pasa pola entrada en funcionamento dun programa integral do servizo de recollida e tratamento do lixo, viable dende o punto de vista ambiental, económico e xurídico. A contratación dos servizos da Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza permitiu que Ames entrase formar parte dun novo xeito de tratar o seu lixo no que a materia orgánica se converte en compost mentres que o resto dos residuos se reciclan na súa maior parte.
Aula da natureza
A Aula da natureza realiza diversas actividades para favorecer a sensibilización cara o coidado do medio e fomentar o coñecemento sobre usos tradicionais do monte e compostaxe no fogar, por exemplo, mediante a organización de actividades como obradoiros, charlas e campañas de temática específica.
Análise da calidade das augas
Na actualidade, realízase unha análise das fontes públicas para determinar a calidade da auga. A elaboración dun inventario de recursos hídricos do Concello de Ames, prevista para 2005, contempla a catalogación de ríos, regatos e augas soterradas.
Enerxía
Colocaranse paneis de enerxía solar na piscina municipal de Bertamiráns e nas instalacións deportivas e, ademais, fomentarase o seu uso nas vivendas particulares.
Protocolo de actuación en relación á recollida de animais abandonados
Corresponde ás administracións locais a recollida de animais abandonados no seu respectivo termo municipal. O Concello de Ames dispón dun servizo de lacería ao que se pode avisar en caso de que se produza a aparición dun animal presuntamente abandonado:
-En días laborais de 07:45 a 15:00 horas, pódese chamar á concellaría de Medio Ambiente, marcando o número de teléfono: 619 82 97 72. -Calquera outro día e nun horario distinto, pódese avisar á Policía Local chamando ao número de teléfono: 619 767 575.
En caso de que os animais recollidos teñan identificación, antes de levalos ás canceiras situadas en Ribeira ou Abegondo, darase aviso ao propietario para que pase a recollelo, e de ser o caso, deberá aboar os custos ocasionados polo animal.
Unha vez pasado un prazo máximo de 20 días, segundo a lexislación vixente (Lei 1/1993, artigo 11.2) se o animal non é reclamado polo seu dono, e non aparece ningún posible adoptante, será sacrificado.
A labor do concello en caso de atopar un can ou gato é prestar o servizo de recollida destes animais a través da empresa concesionaria do servizo, pero gustaríanos involucrar á cidadanía na procura dunha segunda oportunidade para estes animais.
Se alguén quere adoptar algún deles debe contactar coa canceira chamando ao seguinte número de teléfono: 981 26 30 93. Os horarios de atención ao público son de luns a sábado de 10:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 18:00 horas.
Para calquera dúbida relacionada con estas cuestións poden chamar á concellaría de Medio Ambiente: 673 739 011.
Campañas sobre as mascotas
Ademais, o Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, leva a cabo outras iniciativas como é o caso da
campaña sobre a sensibilización ambiental e a importancia de recoller os excrementos das mascotas, así como a
campaña “E ti... de quen vés sendo?” para fomentar a inscrición das mascotas no censo municipal do Concello. Premendo nas ligazóns que están ao comezo desta páxina, baixo o apartado de descargas, poderás obter os carteis das devanditas campañas.