Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Medioambiente Aula da natureza


Aula da natureza

Campo A Aula da natureza realiza diversas actividades para favorecer a sensibilización cara o coidado do medio e fomentar o coñecemento sobre usos tradicionais do monte e compostaxe no fogar, por exemplo, mediante a organización de actividades como obradoiros, charlas e campañas de temática específica.

Usos tradicionais do monte

Recollida de datos sobre usos tradicionais do monte. Realizáronse entrevistas a persoas maiores para organizar unha charla, exposicións e outras formas de divulgación do aproveitamento racional do bosque. Ademais, os incendios do verán de 2006 que arrasaron grandes masas forestais en toda Galicia e en Ames especialmente, serviron para duplicar os esforzos na concienciación de grandes e pequenos a través de programas como "Monte vivo", co que se persegue poñer o monte en valor por medio da ordenación, os traballos silvícolas e o asociacionismo. Deste xeito pode minimizarse o impacto do lume e conseguir que o valor ambiental do bosque e o valor económico do monte sexan compatibles.

Compostaxe no fogar

Sorteáronse 30 composteiros nas urbanizacións de Aldea Nova e Mimosas entre as persoas que asistiron a un coloquio de Adega para fomentar o uso deste sistema de elaboración de fertilizante natural. Membros do colectivo ecoloxista realizarán o seguimento desta iniciativa e proporán a ampliación do número de vivendas que dispoñen de composteiros instalados.

Sábados de natureza

Os sábados son dos cativos e cativas e un bo día para desenvolver actividades con eles en plena natureza. Sirva como exemplo un programa como "Grandes pulmóns do mundo", destinado a rapaces de 5 a 12 anos, co que se deron a coñecer os segredos das árbores con explicacións didácticas. Ademais, en Bertamiráns e Milladoiro organizáronse obradoiros de confección de herbarios, por grupos de idade de 5 a 8 e de 9 a 12 anos, co obxectivo de fomentar o recoñecemento das características das distintas especies de árbores e arbustos existentes no contorno.

Outros obradoiros incluídos neste programa son de elaboración de adornos ecolóxicos de Nadal, previsto para o mes de decembro, e en xaneiro celebrarase o de arqueoloxía, co fin de preparar a comparsa "Homo sapiens" para o entroido.

A partir do roteiro de Riamonte, elaborarase unha guía de flora, fauna, usos tradicionais do monte e arqueoloxía, en colaboración coa Universidade de Santiago. Prevese a realización dun roteiro, con guías de natureza que permitan a catalogación e identificación de especies, de carácter divulgativo, destinado aos centros educativos para o traballo previo na aula e, noutro nivel, aos potenciais turistas que desexen visitar a zona.

O obradoiro de bioloxía mariña está destinado a rapaces de 13 a 20 anos de idade. Na Estación de Bioloxía Mariña da Graña, os mozos saen nun barco para recoller mostras do fondo do mar e observalas no microscopio e, deste xeito, aprender a clasificar os principais grupos de animais.

O obradoiro de astronomía está dirixido a adultos. Baixo o título de "Noite de estrelas en Ames", organízanse sesións de observación de constelacións, nebulosas e estrelas fugaces en colaboración co observatorio da Universidade de Santiago.

Charlas

Celébranse charlas en Milladoiro e Bertamiráns sobre cogomelos, con saídas organizadas ao monte para a recolección e identificación de fungos.

Ciclo de charlas sobre enerxía. O aforro da enerxía no fogar e as enerxías alternativas son algúns dos temas sobre os que versarán os coloquios.

Recollida de aceite vexetal usado

O Concello de Ames envioulle unha carta a todos os veciños para fomentar a recollida do aceite usado por parte de particulares e empresas. Cunha chamada telefónica daranlle unha data para a recollida no fogar ou establecemento dos interesados en participar nesta campaña.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925