Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Xuventude Voluntariado


FAITE VOLUNTARI@

O voluntariado é unha forma de participación da sociedade na atención de necesidades de interese xeral, mediante actividades realizadas de forma altruísta, desinteresada e solidaria.  

UN VOLUNTARI@ é unha persoa coma ti, con inquedanzas e valores sociais fortemente establecidos, que desexan PARTICIPAR en diversas actividades de maneira desinteresada, facilitar a INTEGRACIÓN de persoas que por calquera motivo se atopan en situación de desvantaxe,  e poñer en marcha mecanismos e accións encamiñadas a ACTUAR como axente de apoio e mellora da calidade de vida dos demais.

ames voluntariado

A OVA

Dende que a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) comezou a funcionar en decembro de 2001, máis dun cento de persoas pasaron por ela. Os principais proxectos que desenvolve esta entidade divídense en función dos tres colectivos aos que van dirixidos: a infancia, as persoas discapacitadas e as persoas maiores. A Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) dependente da Concellería de Benestar Social organiza as campañas de recollida de roupa, alimentos e xoguetes; realiza o acompañamento de persoas maiores e discapacitadas e presta un servizo de apoio escolar e de actividades complementarias para nenos e nenas en risco de exclusión social.

VOLUNTARIADO XUVENIL

O que destaca á XENTE MOZA VOLUNTARIA son determinadas características que fan ser “especial” e a súa determinación persoal á hora de realizar unha acción voluntaria en beneficio da comunidade. Estas características son: compromiso, altruísmo, liberdade de decisión, implicación, entusiasmo, etc. É o momento de que a mocidade tamén se molle e participe como voluntaria, por iso, dende a OMIX se está iniciando unha CAMPAÑA DE VOLUNTARIADO XUVENIL enfocado a mozos e mozas entre os 16 e os 25 anos.

Dende a Concellería de Mocidade do Concello de Ames, durante os últimos anos, sistematizáronse determinados programas, sobre todo no tocante á difusión da información e a participación da mocidade en eventos municipais, nos que contamos coa colaboración de determinados colectivos de mozos e mozas que participaron de xeito desinteresado como o entroido, a cabalgata de reis, a festa da mocidade, as campañas de difusión de información xuvenil e asociacionismo nos IES, etc. Enmarcar a actuación do voluntario, a súa colaboración, que esta sexa de calidade e cunhas pautas mínimas é o que perseguimos.

¿QUE TES QUE FACER PARA SER VOLUNTARI@?

Os mozos e mozas interesados en recibir máis información ou formar parte do voluntariado xuvenil pode poñerse en contacto coa OMIX chamando ó 981883002, enviando un correo electrónico a omix@concellodeames.org ou visitándonos na Casa do Concello en Bertamiráns de luns a venres de 9.00 a 14.00h.

¿QUE BENEFICIOS CHE APORTA O VOLUNTARIADO?

Ser voluntario/a ten máis vantaxes das que te poidas imaxinar. Inscribíndote como voluntario/a xuvenil compartirás experiencias e opinións con outros mozos/as, e  intercambiarás intereses e afeccións. Ademais o voluntariado axúdache a formarte como persoa, xa que participas e colaboras na potenciación da vida cultural da túa localidade, e por conseguinte, na mellora da calidade de vida de moitas persoas. A acción voluntaria consolida e asenta os valores persoais, a responsabilidade colectiva e o progreso da comunidade.

SERVIZO DE VOLUNTARIADO EUROPEO

A campaña de voluntariado xuvenil da OMIX de Ames tamén ten a pretensión de colaborar directamente co programa Xuventude en Acción, un programa cofinanciado pola Comisión Europea que permite a posibilidade de participar no Servizo de Voluntariado Europeo.

O SVE da a oportunidade a calquera mozo da UE ou países asociados ó programa de participar nun proxecto local en calquera dos países que compoñen a UE, Latinoamérica, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Turquía, etc. Estes proxectos poden pertencer ó ámbito do patrimonio cultural, deportes, tempo libre e ocio, animación para os mozos, nenos e anciáns, etc. Poden participar mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

FORMACIÓN PARA A XENTE MOZA VOLUNTARIA

Dende o Programa Municipal de Voluntariado Xuvenil programaranse distintos cursos de formación en acción voluntaria e asociacionismo, para capacitar e dotar dos recursos necesarios á mocidade implicada. Ditos cursos irán dirixidos a toda a xente nova que desexe tomar parte en calquera acción voluntaria, onde se lles capacitará para poder exercer o seu voluntariado cos coñecementos necesarios para desenvolver unha boa labor de solidariedade.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925