Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Obras, servizos... Lixo, limpeza viaria...


Lixo

Desde o primeiro de xaneiro de 2006, o Concello mantén un contrato ca Mancomunidade do Barbanza para a xestión dos residuos a través da planta de compostaxe de Lousame. Este cambio redunda nun beneficio ambiental, económico pero sobre todo nunha mellora na calidade de servizo mediante a recollida nocturna, aumentando a frecuencia de recollida na zona rural, o lavado de colectores, a creación de illas de achega con máis colectores e, sobre todo, coa simplificación de todo o sistema. De feito, agora só hai un colector para xenéricos de cor amarela e outro para os residuos orgánicos de cor verde.

Ames dispón de 1.537 colectores orgánicos e inorgánicos. Dito doutro xeito: hoxe hai un colector por cada 14 veciños. Na práctica pasouse de case 950.000 a 1.255.000 litros de capacidade. Este incremento é abondo para atender as demandas dunha poboación que medra a un ritmo imparable dun 10% anual. A maior parte dos colectores está concentrada en case 90 illas perfectamente sinalizadas para a achega de lixo orgánico, xenérico, papel e vidro.

Colector amarelo Neste colector cómpre botar todos os residuos inorgánicos, como son as latas, os envases de plástico e calquera outro tipo de resto que non conte con colector de seu e que tampouco sexa susceptible de se converter en compost.

Colector verde Un dos obxectivos do cambio cara a Lousame foi o de lograr que o noso lixo se procese dun modo sostible. Así, todos os residuos orgánicos domésticos deben ir parar ao colector verde. Mondas de patacas, borras de café, lavaduras e varreduras son algúns dos restos que se deben botar neste colector. Logo, en Lousame, este lixo tratarase e converterase nun fertilizante natural

Recollida de vidro e pilas O vidro -non os cristais- hai que botalos no iglú verde, que tamén contan con pequenas caixas para depositar pilas. Ademais o Concello tamén iniciou un proxecto en colaboración con Ecovidrio denominado Ale-hop!, que consiste na distribución de balde aos locais de hostalaría de colectores especiais cos que lles sexa máis doado baleirar os cascos no iglús. Hoxe hai 77 iglús, un por cada 289 veciños, o que representan unha capacidade próxima aos 200.000 litros.

Recollida de papel e cartón A recollida selectiva tamén abrangue o papel e máis o cartón. Aquí o rateo de colectores por veciño tamén medrou co cambio para Lousame, xa que pasou de un colector azul por cada 695 habitantes a un por cada 332.

Recollida de enseres Paralelamente co cambio de modelo de xestión do lixo, tamén se puxo en marcha un servizo de recollida de mobles e enseres domésticos. Deste xeito, para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, os cidadáns teñen que chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

Limpeza viaria e punto limpo

En 2006, a empresa URBASER gañou o concurso para levar adiante a limpeza viaria e a xestión do punto limpo do Milladoiro. Esta empresa non só se encargará do varrido das rúas de Bertamiráns e do Milladoiro, senón que tamén atenderá as tres grandes urbanizacións do Concello e mesmo as parroquias. Baldeos periódicos, limpeza das beirarrúas e das rúas, planes especiais para despois de festas e mercados e en épocas como a da caída da folla, son algúns dos cambios que deixarán Ames coma unha patena. No Milladoiro tamén entrará en funcionamento o punto limpo. Este é un centro de recollida de resíduos especiais domésticos que non poden ir parar aos colectores convencionais. Entre eles cóntanse os electrodomésticos vellos, os tubos fluorescentes, ordenadores avariados, etc.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925