Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Turismo e patrimonio Arquitectura civil


Arquitectura civil

Os pazos de Leboráns, Lens, Quintáns, da Peregrina e a Casa de Sandar conforman un conxunto de inmobles propios da arquitectura tradicional galega. Algunhas das pontes tamén son sobranceiras construcións.

Pazo Os pazos son casas fidalgas, características da arquitectura galega, construídas entre os séculos XVII e XVIII, malia que poidan posuíren adicións de épocas posteriores, con determinadas proporcións e materiais de calidade que adoitan presentar porta con pedra de armas, emblemas heráldicos, capela, pombal e xardín.

Ademais das pontes de San Lourenzo de Agrón e de Santo Tomé de Ames, é sobranceira Ponte Maceira, unha das grandes pontes do Camiño de Santiago que configura un espazo de interese arquitectónico xunto co muíño, o pazo e a capela situados ao seu pé.

Pazo de Leboráns

O pazo de Leboráns, situado na parroquia de Trasmonte, é unha antiga mansión señorial defensiva do século XVIII cun escudo de armas na fachada que pertenceu ás familias Caamaño e Leis. Ten unha capela dedicada a San Félix, pombal, fonte, horta e canle de regadío.

Os muros son de cantería e a cuberta é de tella. Conserva unha maciza torre de planta cadrangular e gran parte da estrutura da casa, na que destaca a balconada de ferro. Nunha das fachadas do pazo aparece un escudo baixo unha coroa voada da familia de Leboráns, coa representación dun piñeiro e das lanzas dos Caamaño e dos Leis. O conxunto rodéase de xardíns.

Pazo de Lens

O pazo de Lens localízase na parroquia de San Paio. De planta rectangular, con muros que forman un ángulo recto de mampostería nobre e cuberta de tella a catro augas, dispón dunha longa galería orientada ao norte e dunha gran balconada de ferro.

A construción, rodeada de xardín, está amurallada e ten un portalón de entrada con cruz de pedra e pináculo no alto. O conxunto arquitectónico complétase cun hórreo, un cruceiro e un escudo con cinco vieiras do apelido dos Santiago, un grifón que simboliza a familia dos Ardeleiros e as ondas dos Mariño.

Pazo de Quintáns

A casa rústica de Quintáns, tamén coñecida como Casa de Baladrón, está integrada no tecido urbano aínda que rodeada dun gran muro de pedra rematado por elementos decorativos labrados e pechado por un gran marco de cantería que acubilla a porta de entrada de madeira.

Trátase do pazo mellor conservado do municipio, xa que presenta a estrutura orixinal. O máis sobranceiro do edificio son os dous corredores en altura; un ten unha varanda de ferro e outro, de madeira, sustenta o voadizo da cuberta. Está rodeado dun xardín con árbores froiteiras.

Pazo da Peregrina

O edificio, propiedade do Concello de Ames, forma parte dun conxunto arquitectónico encadrado nun grande espazo axardinado. Componse dunha capela na que se realizaban misas parroquiais ata hai pouco tempo, ademais de dous edificios auxiliares que enmarcan a porta principal de entrada por onde se accede a un gran patio presidido por unha fonte circular. A pedra labrada domina nestas construcións.

O edificio principal segue o esquema tradicional dos pazos galegos, con planta rectangular á que se lle engade un corpo posterior. Dispón tamén dunha balconada que serve de solaina. En tempos pasados foi propiedade dos Altamira. Na actualidade, as estancias do pazo utilízanse para desenvolver actos culturais, eventos, cursos, casamentos civís,etc.

Casa de Sandar

A edificación nobre denominada Casa de Sandar sitúase na parroquia de San Lourenzo de Agrón. É unha casa con historia, pois no seu tempo de esplendor figuraban na torre as armas da familia propietaria. O escudo estaba composto por nove cuñas con cinco escuetes na orla, armas dos Acuña; unha man empuñando unha espada introducida na boca dun dragón, dos Pazos de Probén; cinco figueiras, dos Figueroa e, finalmente, unha torre e unha ponte con aguia, dos Suárez.

Ponte Maceira

A ponte ten cinco ollos principais, o do centro é apuntado e os catro restantes de medio punto cun acusado peralte e rompeaugas en punta de diamante. O pretil é de mampostería con albardiña plana elevada no centro, coincidindo co ollo apuntado.

Popularmente, dise que é unha ponte romana aínda que os historiadores sinalan que foi erguida no século XIV e reconstruída no XVIII, a pesar de que a súa base poida ser romana. Contan que a ponte se derrubou cando os soldados romanos perseguían os discípulos de Santiago, que pediran un lugar digno para enterrar o seu mestre, entón as augas se abriron para facilitar a fuxida dos que se consideraban elixidos de Deus e logo arrastraron os romanos río abaixo.

Ponte de Augapesada

A ponte sobre o regato de Augapesada ten un ollo central de medio punto e cadrado semienterrado. O pavimento está formado de lousas de pedra voadas cara os laterais da ponte e sobre estes, hai un pretil formado de lousas de pedra colocadas a ambos lados. A ponte quebra na vertical do centro do río formando dúas pendentes, que descenden cara cada marxe do regato.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925