Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Turismo e patrimonio Arquitectura popular


Arquitectura popular

Cruceiros, petos de ánimas, pombais, fontes, lavadoiros e muíños constitúen unha parte destacada da arquitectura popular, da que Ames ten numerosas representacións asociadas á etnografía, ás crenzas e ás formas de vida ancestrais que foron adaptadas ao uso cotiá actual cun compoñente de identidade cultural.

  • Cruceiros
    Os cruceiros son monumentos que adoitan situarse nas encrucilladas de camiños, nas lindes de parroquias, nos adros de igrexas e casas nobres. Constan dunha cruz monumental con iconografía relixiosa no anverso e no reverso, capitel decorado, columna ou varal, pedestal e plataforma con escaleiras en forma de pirámide truncada.

  • Petos de ánimas
    Os petos de ánimas son construcións tradicionais que enmarcan unha representación das ánimas do purgatorio cun peto esculpido que dispón dunha porta de ferro cunha rañura para botar moedas.

  • Pombais
    Os pombais son construcións circulares ou poligonais destinadas a criar pombas que xeralmente forman parte das casas nobres e rectorais. Dispoñen de paredes de cachotería de pedra recuberta dun lucido branco, tellado con buratos, orientados cara a zona protexida do vento, que permiten a entrada e saída das aves cun pousadoiro que circunscribe o perímetro da construción.

  • Fontes
    Unha das construción populares máis estendidas son as fontes. Xeralmente eran resultado dun traballo comunal e o seu coidado e mantemento correspondía igualmente á comunidade. En Ames hai dous tipos de fontes: a fonte de manancial ou mina e a do fonte de cano.

  • Lavadoiros
    Os lavadoiros públicos construíronse co aproveitamento da auga sobrante das fontes, que circula dun estremo ao outro. Teñen forma rectangular cunha plataforma de pedra inclinada cara a auga para refregar a roupa, que remata nunha canle para depositar o xabrón. As súas dimensións varían en función do núcleo de poboación ao que daban servizo. Os máis antigos carecían de cuberta.


  • Muíños
    Os muíños son edificacións que constan dunha canalización de auga cunha presa, unha canle e un cubo, un sistema de aparellos artellados para conducir o gran como son a trabe, os paos de moenga, a quenlla e o cacarexo e, finalmente, unha moa rotatoria para trituralo e convertelo en fariña.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925