Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Turismo e patrimonio Arquitectura relixiosa


Arquitectura relixiosa

As capelas e igrexas érguense próximas aos núcleos de poboación. Entre as igrexas do municipio predominan as que presentan características arquitectónicas propias dos estilos barroco e neoclásico, a pesar de que hai elementos escultóricos de épocas anteriores que se remontan ao século XIV. Algunhas foron realizadas por suscrición popular.

Igrexa de San Cristovo

Arquitectura relixiosa Situada en Frenza, na parroquia de Tapia, está a igrexa de San Cristovo sobre un lugar elevado que domina a paisaxe. A igrexa data de 1778 e, no seu interior, pódese ver un interesante retablo de 1719 da virxe do Carme con columnas salomónicas características do barroco.

Igrexa de Santo Estevo

Localizada en Covas, a igrexa parroquial de Santo Estevo, foi sometida a varios procesos de reforma para agrandala. Engadiuselle unha nave no cruceiro e unha nova sacristía na capela maior. Dispón dunha fachada lisa coroada por unha espadana de dous corpos.

Igrexa de San Lourenzo

A igrexa parroquial de San Lourenzo, situada na parroquia de Agrón, foi reconstruída a mediados do século XVIII. O templo ten unha soa nave cuberta con bóveda de canón e unha capela maior rectangular na que se adosa a sacristía. A fachada presenta sobre a porta a imaxe de San Lourenzo. No interior destaca o retablo maior de estilo barroco e o retablo do Sagrado Corazón de Xesús. Diante da igrexa, hai un cruceiro cun capitel con querubíns nas catro caras e na cruz ten as imaxes de Cristo e da Virxe sobre unha peana. No lugar de Piñor encóntrase outro cruceiro de composición semellante.

Igrexa de San Mamede

Localízase na parroquia de Piñeiro e dispón de planta de cruz latina. A construción do templo comezou en 1740 coa capela maior e concluiu en 1818 coa edificación da fachada e da torre-campanario. Ten un interesante retablo barroco no seu interior. No cemiterio que rodea a igrexa de San Mamede, destaca un cruceiro cunha curiosa figuración. Dispón dunha plataforma cadrangular e varal circular con estrías en espiral e motivos vexetais con capitel. A cruz ten a imaxe de Cristo crucificado con tres cravos e coroa de espiñas e, polo reverso, a Virxe en actitude de orar coas mans entrelazadas.

Igrexa de Santa María

En Transmonte pódese visitar a igrexa de Santa María de mediados do século XVIII. A fachada actual do templo está modificada e conserva a imaxe da Virxe da Asunción enmarcada por pilastras que sosteñen un entablamento. Á esquerda da fachada elévase a torre-campanario que remata nunha pequena cúpula. No seu interior destacan os retablos da Natividade de época barroca e o da capela maior de finais do século XVIII.

Igrexa de Santa María

A igrexa de Santa María sitúase na parroquia de Biduído.

Igrexa de San Paio

Situada na parroquia de Lens está a igrexa barroca de San Paio. A carón do templo, no cemiterio, hai un cruceiro sobre un pedestal figurado con caliveras, unha serpe e unha píntega, semellantes ás do cruceiro de Firmistáns, en Bugallido. No varal aparecen representados os símbolos da Paixón como lanzas, unha escada, un martelo, un corazón, tenaces e a imaxe de San Francisco no purgatorio. Na cruz está a imaxe de Cristo apertado por San Francisco e, na outra parte, a Piedade. Pódese datar este cruceiro no ano 1741, segundo unha inscrición do pedestal.

Igrexa de San Pedro

A igrexa de San Pedro está situada en Guimaráns, na parroquia de Bugallido, e presenta unha planta de cruz latina e sacristía na cabeceira. Na fachada pódese destacar o pórtico cuberto con tres arcadas que se prolongan na torre-campanario. Enriba da arcada central hai un óculo coa imaxe en pedra de San Pedro.

Igrexa de San Tomé

No lugar de Cruxeiras, na parroquia de Ames, érguese a igrexa de San Tomé con formas neoclásicas (1772). Na fachada, delimitada por un par de pilastras de orde toscano, encóntrase a imaxe en pedra do San Tomé, titular do templo, cunha lanza na man dereita e un libro na esquerda. A fachada remata cun frontón triangular co ollo de Deus. Unha torre con catro arcadas para as campás e unha linterna, cunha pequena cúpula rematada en bola, coroan o conxunto. No adro da igrexa sitúase un cruceiro con mesa para realizar actos litúrxicos ao aire libre. No anverso da cruz aparece a figura de Cristo crucificado con tres cravos, a coroa de espiñas e a cartela coa inscrición Inri, mentres que no reverso a imaxe dunha Piedade revela gran dramatismo.

Igrexa de San Xoán

Na parroquia de Ortoño, a igrexa de San Xoán conserva a capela maior de finais do século XVII aínda que sufriu varias reformas na estrutura. A fachada dispón dun frontón triangular coa imaxe de San Xoán Bautista. Como coroamento posúe unha torre cadrangular con catro arcadas e linterna octogonal reconstruída en 1859, data na que se realizan obras na cúpula do cruceiro do templo, segundo indica unha inscrición. No seu interior garda unha escultura barroca de madeira do Cristo na cruz situado nun dos brazos do cruceiro.

Igrexa de Vilar

Situada na parroquia de Santa Mariña de Ameixenda, encóntranse unha igrexa barroca no lugar de Vilar cun cruceiro ao seu carón.

Capela de Santo Amaro

Situada no lugar da Barouta, na parroquia de Ames, a capela de Santo Amaro está datada a finais do século XVIII. Ten un pórtico cuberto pegado á fachada. No cruceiro do século XVI aparece representada a imaxe de San Xoán e no capitel están a Virxe co Neno no interior dun peto de ánimas. O monumento culmina cunha cruz labrada coa imaxe de Cristo crucificado.

Capela do Carme

Na parroquia de Bugallido, atópase a capela do Carme, de pequenas dimensións.

Capela do Corpiño

No lugar de Oca, na parroquia de Ames, sitúase a capela do Corpiño, construída polos veciños en 1880 segundo aparece nunha inscrición no lintel da porta.

Capela da Madalena

A parroquia de Buduído é o enclave da capela da Madalena, que destaca pola súa sinxeleza e pequeno tamaño.

Capela da Mercede

En Lapido, na parroquia de Ortoño, encóntrase a capela da Mercede que resulta interesante pola escultura da Virxe situada na fachada e datada a mediados do século XIV. É un dos poucos exemplos da arte medieval que se conserva no municipio de Ames. A Virxe do Neno está nun trono con dous anxos e leva na man dereita unha mazá. Diante da capela atópase un cruceiro coa representación de Cristo crucificado e a Virxe en actitude de orar.

Capela de Vilouta

Localizada en Tapia, a capela de Vilouta está dedicada á virxe de María Madalena.

Capela de San Xoán

Localízase no lugar de Pousada, na parroquia de Ames, e está datada en 1740.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925