Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Urbanismo Urbanismo


Urbanismo

Urbanismo O Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ames, para substituír as Normas subsidiarias de planeamento, ten como obxectivos centrais adaptar a normativa urbanística á lexislación vixente e acometer unha nova política urbanística tendente a perfeccionar o modelo territorial existente mediante a introdución dos sistemas de xestión e de actuación que o novo marco legal nesta materia posibilitou, evitando que o proceso de urbanización xere desequilibrios e, polo contrario, poida ser utilizado para mellorar a realidade física existente e o nivel de equipamentos e servizos.

A inexistencia dun Plano director comarcal que definise as directrices xerais de estruturación do territorio, unido á forte dinámica de crecemento posta de manifesto durante os últimos anos no municipio determina a necesidade de realizar unha avaliación das necesidades actuais e de posibles demandas de solo.

Criterios de actuación:

Reestruturación funcional de tecido urbano

  • Equilibrar urbanisticamente as diferentes áreas do municipio.
  • Impedir a invasión indiscriminada do territorio.
  • Completar a trama urbana dos núcleos existentes, mellorando a súa funcionalidade.
  • Mellorar a multifuncionalidade e superposición de usos no tecido urbano, eliminando os restos de usos industriais antigos no interior dos núcleos residenciais, e evitando no futuro este problema mediante o cambio de uso de parcelas de uso industrial non edificadas, encravadas no núcleo residencial.

Consideración da importancia do medio rural

  • Manter e fortalecer o actual sistema de núcleos.
  • Conservar a parroquia como institución básica da convivencia rural.
  • Potenciar as actividades agropecuarias e forestais.

Conservación ambiental

  • Conservación da paisaxe natural e dos seus compoñentes individualizados e recursos hídricos (acuíferos, cursos fluviais, masas forestais, paisaxes...)
  • Conservación e recuperación do patrimonio arquitectónico, cultural e ambiental. O estudo pormenorizado establece detalladamente este obxectivo en relación co patrimonio arquitectónico e cultural.
  • Conseguir para uso público, áreas de interese natural que pasen a constituír o sistema xeral de espazos libres do municipio.

Dotación de elementos comunitarios

  • Equilibrio dos aproveitamentos lucrativos e dos usos comunitarios a establecer nos solos insterticiais vacantes situados dentro da trama urbana.
  • Mellora das actuacións infraestruturais que supoñen unha mellora da calidade de vida en canto a dotación de saneamento, rede viaria e rede xeral de comunicacións.

Integración dos diferentes grupos sociais, urbanos e rurais do municipio, conservando cada unha das súas particularidades

  • Respecto á distribución descentralizada e xerárquica da poboación no municipio.
  • Defensa do equilibrio intersectorial existente.

Modelo de xestión proposto:

Preténdese que os criterios propostos sexan o máis consensuados posible cos propietarios do solo, administracións públicas e operadores urbanísticos a fin de permitir unha rápida materialización das previsións.

A política urbanística municipal diríxese cara a consecución dun Plan xeral de ordenación municipal no que:

  • A Corporación municipal dirixe e controla a evolución urbanística do municipio, encamiñando as iniciativas privadas que incidan no desenvolvemento urbano.
  • A política urbanística do Concello de Ames, da que o plan é un instrumento operativo, diríxese a garantir o adecuado nivel de dotacións, equipamentos e infraestruturas para todos os sectores da poboación, a fluidez no mercado inmobiliario, evitando retencións especulativas e no dereito dos cidadáns aos espazos, ambientes e infraestruturas necesarios para o mellor desenvolvemento das esferas de actividade que enmarcan a súa vida.
  • A clasificación do solo como urbano limítase á constatación da súa situación de feito como tal. O solo rústico protexido está constituído por aquel que debe preservarse da urbanización polas súas peculiares características ou condicións que fagan necesaria a súa protección, mentres que no solo rústico apto para urbanizar se considera que nel se debe continuar co uso que lle corresponde á súa natureza rústica ata que se crea necesaria a súa transformación en urbana. A clasificación do solo como urbanizable debe responder a unha economía de oferta concorrente en lugar de intentar solventar tan só as necesidades de crecemento vexetativo e inmigratorio da poboación do municipio, acorde coas aptitudes e potencialidades dos distintos terreos do municipio.
  • A xestión urbanística municipal proposta polo plan debe levarse á práctica polos servizos técnicos municipais, en colaboración co equipo administrativo.

Liñas de actuación en canto á ordenación urbana:

  • Comprensión e análise do marco metropolitano real do que o municipio de Ames forma parte e que, se ben impide a súa ordenación territorial como un feito illado en si mesmo, non debe interferir nin verse interferido pola dos municipios limítrofes.
  • Defensa dos valores naturais e ambientais (agrícolas, paisaxísticos, arqueolóxicos e de recursos naturais) tanto para a selección dos solos a protexer como para a posta en valor daqueles que pasen a formar parte dos sistemas xerais do municipio, en especial os parques urbanos, así como a posta en valor dos núcleos rurais existentes.
  • Revisión dos mecanismos de xestión previstos no planeamento vixente que non permitisen, ben pola súa complexidade ou ben por unha disfunción dimensional, alcanzar os obxectivos de desenvolvemento propostos.
  • Adecuación á lexislación estatal e autonómica vixente das determinacións do planeamento actual, mediante a introdución de mecanismos de planeamento e xestión que, en orde a un xusto reparto de cargas e beneficios, se consideran necesarios.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925