Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Relaciónate Avisos Unha unidade...


Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia atenderá as doazóns de sangue os días 16 e 17 de febreiro en Bertamiráns

[15-02-2017] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) acudirá este xoves 16 e o venres 17 de febreiro ata Bertamiráns. O vehículo estacionará na avenida da Maía (diante da praza da Maía), en horario de 15:30 a 21:00 horas. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar.

Recórdase así mesmo ás e aos doantes que non se debe acudir a doar sen almorzar, e que aquelas persoas que doen despois do xantar teñen que agardar un mínimo de dúas horas para facelo. Poden doar as persoas maiores de 18 anos e menores de 65 anos -idade a partir da cal é preciso un permiso médico- e nun estado normal de saúde.

As recomendacións para persoas que queiran doar, así como os requisitos, poden obterse premendo nas ligazóns do apartado de descargas. Ademais o Centro de Transfusión de Galicia publicou un vídeo no que se explica polo miúdo o proceso e que se pode ver premendo nesta ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=ONAx5Aor2JI.

Segundo indican dende o Centro de Transfusión de Galicia “as persoas que doan sangue son unha parte importante da sanidade. Están presentes nas intervencións cirúrxicas, cando se atende a persoas que sufriron un accidente de tráfico, cando se loita contra o cancro e a leucemia, cando se realiza un transplante de órganos... O sangue non se pode fabricar e só é posible obtelo coa doazón de persoas solidarias que axudan a outras a recuperar a súa saúde”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925