Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Relaciónate Avisos Bases orientadoras...


Bases orientadoras para a contratación de publicidade institucional do Concello de Ames

[31-07-2017] O goberno municipal vén de presentar as bases orientadoras para a contratación de publicidade institucional do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa pioneira para regular o investimento municipal neste eido. Estas bases teñen catro obxectos principalmente que son regular a contratación da publicidade institucional municipal, dotar de transparencia e permitir a fiscalización das relacións entre o concello e os medios de comunicación en materia de publicidade institucional, garantir a utilidade pública e a racionalidade na distribución da publicidade oficial, e contribuír á consolidación dun espazo de comunicación plural. Durante o mes de agosto os medios poderán comezar a presentar por Rexistro a documentación que se lle require nesta bases, para posteriormente poder optar ás campañas que se publiquen por parte do Concello. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as devanditas bases.

Estas bases establecen os criterios e mecanismos que rexen a contratación de publicidade institucional do Concello de Ames, de acordo coa Lei 29/2005, do 29 de decembro, de publicidade e comunicación institucional. Entenderase por publicidade institucional todo anuncio, aviso ou información de interese para a poboación, publicada en medios de comunicación, en calquera soporte, orixinada, promovida ou contratada polo Concello de Ames, co propósito de dar a coñecer á veciñanza mensaxes institucionais referidas a campañas de sensibilización e/ou á promoción de servizos, programas e plans de políticas públicas, así como dos actos do goberno que deles deriven, garantindo sempre o dereito á información da veciñanza e o pleno exercicio da cidadanía.

Exclúense da aplicación destas bases os anuncios de carácter administrativo que, polas súas características, só poidan inserirse en medios escritos ou audiovisual de carácter diario e mailos anuncios que veñan derivados de obrigas que deban cumprir persoas ou entidades subvencionadas, patrocinadas, contratistas ou concesionarias do concello, e aqueles onde a publicidade do concello fora requisito esixido nas axudas, convenios ou contratos.

As devanditas bases están estruturadas en tres partes. Na primeira recóllese a definición que está baseada na lei de publicidade, na segunda parte recóllese o procedemento que se vai a seguir cando se trate de contratos menores de publicidade, e na terceira é última parte recóllense os criterios que se van a ter en conta para contratar a publicidade como son a difusión e audiencia (máximo 5 puntos), as condicións do medio (máximo 4 puntos), contidos en galego (máximo 7 puntos), responsabilidade social (máximo 5 puntos), e tarifas (máximo 15 puntos).

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925