Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Relaciónate Avisos


Avisos

Curso de manipulador de alimentos

[08-11-2005] Ata o día 9 de novembro está aberto o prazo de inscrición no V curso de manipulador de alimentos que organiza a Concellaría de Desenvolvemento Local, Turismo e Emprego do Concello e Ames.

O curso impartirase o 10 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro en horario de 19:00 a 22:00 horas.

O curso será impartido pola empresa "Sanea" e dará dereito a expedición do certificado oficial de manipulador de alimentos requirido pola administración sanitaria segundo o Decreto 290/2003.

A inscrición poderase realizar a través do número de teléfono 981 883 002, ou na propia Casa do Concello sita en Bertamiráns.

Aberto o prazo para pagar a taxa pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía pública

[03-11-2005] Esta taxa poderá pagarse a través de calquera entidade bancaria empregando os recibos que lle enviarán ao contribuínte por correo ordinario. No suposto de que perda o recibo o obrigado ao pagamento poderá obter ata o día 20 de decembro de 2005 un duplicado na oficina de xestión tributaria do Concello de Ames, situada na rúa Ameneiral 18 baixo, teléfono 981.884919 e-mail: ames@afina.net. Os contribuíntes que non tivesen recibido no seu domicilio o recibo, disporán ata o 20 de decembro de 2005 para os solicitar na oficina indicada e efectuar o pagamento nas entidades bancarias, posto que a non recepción non exonera da obriga de pagamento.

O vencemento do prazo en período voluntario sen ter sido satisfeita a débeda determinará o comezo do procedemento de constriximento, a percepción da recarga e demais conceptos esixibles tal e como se fixa no artigo 28 de Lei Xeral Tributaria e no artigo 91 e seguintes do Regulamento Xeral de Recadación.

O prazo para o pagamento voluntario é do 30 de outubro ao 30 de decembro de 2005, ambas datas inclusive.

Aberta a inscrición para o programa de outono na Aula Aberta de Informática do Milladoiro

[02-11-2005] A Concellaría de Cultura e Deportes abre o prazo de inscrición para as actividades de outono na Aula Aberta de informática do Milladoiro.
Do 7 de novembro ao 2 de decembro impartirase o "Curso de Iniciación á Informática: Sistema Operativo Windows 98, procesador de Textos Word". Este curso terá unha duración de 40 horas e impartirase en horario de 19 a 21. O curso está destinado para maiores de 18 anos. Hai 15 prazas e o custo é de 6 euros.
Os días 14,15 e 16 de decembro impartirase o curso "Actividades coas novas tecnoloxías no Nadal". Este curso terá unha duración de 2 horas (a elixir un día) e está destinado a nenos e nenas de 6 a 8 anos. Cada día haberá 10 prazas dispoñibles e o horario no que se impartirá será de 18 a 20 horas. Este curso é de balde.
Entre os días 19 e 23 de decembro impartirase o "Obradoiro de tratamento de textos: Microsoft Office Word". O curso terá unha duración de 10 horas e celebrarase en horario de 18 a 20 horas. O número de prazas é de 10 e os destinatarios serán nenos e nenas de entre 9 e 12 anos. Este obradoiro é de balde.

Para participar nestas actividades é preciso estar empadroado no Concello de Ames.
As inscricións podense facer directamente na Aula de Informática en horario de 17 a 20 horas.
Enderezo: Centro Sociocultural do Milladoiro. Travesía do Porto s/n. 15895 O Milladoiro.
Pódese obter máis información ou facer calquera tipo de consultas a través do seguinte enderezo electrónico: aula_inform@yahoo.es .

Posponse a presentación do Programa Equal no Milladoiro

[02-11-2005] A presentación do programa comunitario EQUAL prevista para o día 3 de novembro na Casa de Cultura do Milladoiro posponse, por motivos de organización, para o luns día 7. A Casa de Cultura do Milladoiro acollerá ás oito da tarde a presentación deste programa destinado a incentivar o emprego e o autoemprego entre os colectivos con maior risco de exclusión laboral.

O 27 remata o prazo de inscrición no Obradoiro de Integración Lingüística e Cultural para inmigrantes e retornados/as

[25-10-2005] Ata o día 27 de outubro está aberto o prazo de inscrición para o obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as.
Os interesados poden inscribirse nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.
O obradoiro comezará o 2 de novembro e terá unha duración de 32 horas. As clases impartiranse os luns, mércores e venres de 20 a 22 horas.
Se hai máis demandas que prazas, celebrarase un sorteo entre todos os inscritos.
Quen desexe máis información pode chamar ao teléfono 981 88 30 02 ou escribir ao seguinte enderezo electrónico: normalización@concellodeames.org


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925