[http://www.concellodeames.org]
Entre o luns 2 e o venres 13 de xullo, desenvolverase o II Campus de Verán Básquet Ames na área deportiva do Milladoiro. Toda a información sobre este Campus está dispoñible na páxina web www.basquetames.blogspot.com.
Entre o luns 2 e o venres 13 de xullo, na área deportiva de Bertamiráns, celebrarase o III Campus de Verán Meigas e Trasgos. A información relativa ás actividades, aos horarios e ás inscricións no Campus pódese atopar na dirección web www.fcmeigas.com.
Entre o luns 2 e o martes 31 de xullo, as patinadoras e patinadores do noso concello poderán encher o seu tempo de lecer participando no II Campamento de Verán de Patinaxe. Dita iniciativa desenvolverase no IES do Milladoiro, en horario de 08:30h a 14:30 horas. Na páxina web www.cpaomega.es pódese atopar toda a información sobre o Campus.
O XII Día da Bici conmemorarase no mes de xullo, nomeadamente o sábado 7. Os festexos decorrerán a partir das 11:00 horas nas inmediacións do centro deportivo A Telleira, en Bertamiráns.
O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 7 de xullo, a retransmisión da ópera Lucia di Lammermoor, a partir das 21.30 horas. O Concello de Ames súmase a esta iniciativa, no marco da Semana da Ópera, que permitirá ver esta produción, procedente da English National Opera, en museos, teatros, centros culturais, prazas, parques, auditorios e concellos de toda España e tamén en Facebook Live, Palco Digital e Opera Vision. A entrada ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns será de balde ata completar aforo.
Este sábado, 7 de xullo, remata o curso 2017-2018 do programa de envellecemento activo “Amessan”. Haberá unha gran festa, a partir das 18.00 horas, no Pazo da Peregrina, con música e moita animación a cargo de Eme Music; unha exposición de manualidades dos grupos de Cruxeiras, Trasmonte e Agrón; e actuacións dos grupos de pandereteiras de Lens, Ameixenda, Bugallido e Trasmonte. Durante este curso, como novidade, impartiuse a actividade de música tradicional na parroquia de Lens e realizouse un programa de cinco charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos. A esta festa están convidados os/as participantes deste programa, así como toda a veciñanza de Ames.
Aviso legal | Accesibilidade | RSS
© Concello de Ames