Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio O Concello Concellarías Concellaría de...


Concellaría de Normalización Lingüística e Comunicación

Concelleira responsable: María Isabel Vaquero Quintela

Comprende as áreas de normalización lingüística e comunicación (radio e web municipal).

Nada en Ourense en 1967; reside no Concello de Ames, no Milladoiro, desde 1997.

Formación
Licenciada en 1991 en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) pola USC. Rematou os cursos de doutoramento de Filoloxía Galega no bienio 92-94, obtendo o recoñecemento de suficiencia investigadora en 1994, logo de presentar a memoria de licenciatura Pronomes e cláusulas de relativo na prosa medieval galego-portuguesa. Arredor desta temática ten comunicacións e artigos publicados.

Experiencia profesional e publicacións
Traballa como técnica do Servizo de Normalización Lingüística da USC dende 1993 e dende 2000 é a responsable da súa Área de Dinamización. Ten impartido cursos e publicado en relación ao eido da normalización e dinamización lingüística, destacando Traballarmos en dinamización lingüística. Unha introdución (2012).

Foi membro fundadora da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística en 1995; desempeñando no pasado os cargos de vogal e secretaria.

Dende mediados dos 90 participou en diversos proxectos relacionados coa expansión do galego nas novas tecnoloxías. Foi a coordinadora lingüística de galego21, un proxecto de localización de software e contidos en galego, como a versión en galego dos navegadores Netscape e Ópera, ou Ciberlingua, un proxecto de achegamento a Internet e ás novas tecnoloxías en galego dirixido a rapaces/zas, que tivo varias edicións en diferentes concellos galegos.

É a coautora do Léxico panlatino de Internet: (catalán-español-francés-galego-italiano-portugués-romanés). Ottawa: Unión Latina - Realiter - Bureau de la traduction du Canada (2001)

Xunto con Daniel Romero desenvolveu un proxecto sobre política e planificación lingüística, novas tecnoloxías e contidos que deu lugar a varias palestras e publicacións, entre as que destaca Da periferia á Rede. Internet en Galicia: lingua e contidos, Vigo: Editorial Xerais: 2000.

Outras experiencias
Foi representante do persoal de administración e servizos no Claustro da USC dende 1994 ata 2018 como membro do colectivo A Trabe. Como tal, formou parte da Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor da USC e da Comisión de Titulacións do Claustro.

Foi delegada da CIG no Comité de Empresa do persoal laboral da USC dende 2003 ata 2015.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925