Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Descúbrenos Historia Idade...


Idade Contemporánea

Reparase en tres feitos históricos que terán lugar en Ames durante os séculos XIX e XX: a súa institucionalización como concello en 1835; a estadía de Rosalía de Castro en Ortoño e a creación do Seminario de Estudos Galegos en 1923.

Rosalía de Castro e familia Á altura de 1820, o que actualmente é o territorio municipal de Ames estaba repartido entre os concellos de Altamira e Amaía aos, en 1821, se sumarán dous novos concellos: Villestro e Biduído. Das parroquias actuais de Ames, a maioría delas -Bugallido, Ortoño, Lens, Agrón e Trasmonte, pertencían ao concello de Altamira. Estes primeiros concellos institucionais foron disoltos en 1823. En 1836 o proxecto de arranxo dos concellos da provincia da Coruña establecerá o concello de Ames cos mesma once parroquias que ten na actualidade. Daquela Ames tiña 986 veciños e 5.034 habitantes.

Desde 1836 até o presente o Concello de Ames non tivo variación territorial ninguna mantendo o mesmo número de parroquias; con todo, en 1842 a Deputación Provincial da Coruña elaborou un proxecto de redución de municipios no que se establecía que o concello de Ames deixaba de existir e o seu territorio se repartía entre dous novos municipios: o de Ponte Maceira, que incluía as parroquias de Agrón, Lens, Piñeiro, Tapia e Trasmonte; e o de Ortoño, no lugar da Condomina, que agregaba as de Ames, Ortoño, Bugallido, Ameixenda, Covas e Biduído.

Ese proxecto de redución non chegou a facerse efectivo e a vida institucional de Ames tivo continuidade até 1868, ano no que durante a chamada Revolución Gloriosa de 1868, a Xunta Revolucionaria de Santiago determinará a supresión dos municipios rurais e a súa integración no de Compostela. A desaparición do concello amiense durou tan só dous meses e en novembro de 1868 restableceuse o distrito municipal de Ames.

A mediados do século XIX Ames tiña 5.419 habitantes; en 1860 sumaban 6.423, en 1900 superaba os 7.000. Nos anos corenta superará os 9.000 habitantes e haberá que agardar a finais da década dos noventa para que se superase o teito dos dez mil habitantes.

O Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España de Pascual Madoz, de 1845-1850, sinala que a capital municipal estaba en San Tomé de Ames, de onde tomaría o nome o concello. Daquela, o concello xestionaba un orzamento de 3.200 reás.

A capital municipal de Ames cambiará en varias ocasións de lugar. Durante unha longa tempada radicará en Augapesada e a comezos do século XX trasladouse a Bertamiráns, para volver anos despois outra volta a Augapesada. En 1970 a Casa Consistorial estableceuse en Bertamiráns.

A infancia de Rosalía de Castro está vencellada a Ames. Filla de María Teresa da Cruz de Castro, unha fidalga vencellada á casa de Arretén, e do sacerdote Xosé Martínez Vioxo, farase cargo as súas tías maternas Josefa e Teresa Martínez e con elas vivirá na aldea de Castro de Ortoño. Rosalía vivirá en Ortoño até 1842, cando tras cumprir catro anos irá vivir coa súa nai en Padrón.

A pegada da súa estadía en terras amienses evidenciarase en moitas pasaxes da obra poética de Rosalía de Castro como cando escribe: Y a vella vai, sube, sube / a costa d'o Mar d'ovellas / c'un ollo posto n'o chan / y outro ondás casas fomega. Hai mesmo algúns especialistas, como Xoán Nava, que cren que algún dos seus máis celebrados versos -Campanas de Bastabales: / cando vos oio tocar, / mórrome de soidades- estarían inspirados nunha copla popular amiense que di: Campanas de Bugallido / cando vos oio tocar / revíraseme o sentido.

A Casa da Tarroeira, no Castro de Ortoño, constitúe un dos principais fitos da Ruta Rosaliana. Este lugar cobrará unha especial significación cultural cando o 12 de outubro de 1923 un conxunto de mozos universitarios visiten a Casa da Tarroeira e, «reunidos polo desexo de coñecer a súa terra e de unificar os seus traballos nun labor colectivo, humilde e xeneroso, para a exaltación da cultura galega», decidan fundar o Seminario de Estudos Galegos.

Nos seus doce anos de vida activa (1923-1936), o Seminario de Estudos Galegos, estruturado en doce seccións, abordará case que todas as manifestacións da cultura galega, atenderá á formación de investigadores. cunha perspectiva interdisciplinar, e ocuparase da divulgación científica. Entre outras salientables iniciativas, a sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas do SEG será a autora do anteproxecto do primeiro Estatuto de autonomía para Galicia.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925