Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias A Aula de...


A Aula de Informática do Milladoiro superou o millar de persoas usuarias no 2017

[10-01-2018] A aula de Informática do Milladoiro, que está aberta desde o ano 2003, ten, na actualidade, arredor de 1500 persoas socias, das cales 34 foron novas altas que se produciron ao longo do 2017. Ademais, neste ano, foron 1317 as persoas que empregaron a aula, en horario de Aula Aberta, para atender as súas necesidades informáticas. Alén diso, a Aula de Informática do Milladoiro programou 11 cursos neste 2017, aos cales asistiron 136 persoas.

Durante as horas de Aula Aberta, calquera persoa empadroada no Concello de Ames pode facer uso da aula de informática. Para iso, debe cubrir unha ficha cos seus datos persoais. Posteriormente, dáselle un número de usuaria ou usuario e explícanselle as normas de funcionamento. O horario de acceso da Aula Aberta é de 16:00h a 20:00 horas, de luns a xoves. Os venres, o servizo préstase de mañá, entre as 09:30h e as 13:00 horas. Durante estas horas, as persoas usuarias poder realizar diferentes tarefas como traballos persoais, consultar o correo, ler o xornal, xogar, buscar información... Durante o 2017, empregaron este servizo un total de 1317 persoas, sendo os meses de marzo e abril os de maior afluencia. Este ano, ademais, déronse de alta 34 novas socias e socios.

No tocante aos cursos, estes organízanse de de xeito trimestral, salvo en agosto e setembro, cando só se ofrece o servizo de Aula Aberta. Estas xornadas ou obradoiros están dirixidos a sectores concretos da poboación, os cales se establecen en función da idade ou do tema. A súa duración varía, segunda a temática da que traten. Poden ser de 7 horas e media, de 5 horas, de 3... As actividades para persoas adultas sempre se fan en dúas quendas, a elixir, pola mañá ou pola tarde. As actividades para crianzas desenvólvense en horario de tarde, após o final da xornada escolar. No 2017, a Aula de Informática do Milladoiro organizou 11 cursos formativos, nos cales participaron 136 persoas.

No primeiro trimestre de 2017, ofrecéronse unhas xornadas de iniciación á internet, un curso de mecanografía para a mocidade e un obradoiro para aprender a crear e usar unha conta de correo electrónico. Entre abril e xullo, a Aula de Informática do Milladoiro, ofertou unhas xornadas para aprender a crear e xestionar un blog, un curso para dar os primeiros pasos na informática, un obradoiro de procesador de textos para crianzas e un curso de mecanografía para rapazas e rapaces. Así mesmo, desde xaneiro e ata xuño, tamén se impartiu un obradoiro de alfabetización dixital para a Escola Integral de Maiores. En outubro, organizouse un curso de iniciación ao procesador de textos LibreOffice Writer e en novembro realizáronse unhas xornadas de internet. Por último, no mes de decembro, tivo lugar un curso de elaboración de presentacións con Impress.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925