Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias O Concello de Ames...


O Concello de Ames publica no Portal de Transparencia o Plan do primeiro semestre de 2018 para a mellora da contratación administrativa municipal

[10-02-2018] Como cada semestre dende o departamento de Contratación elaborouse un Plan que fai un seguimento da execución dos contratos rexistrados no semestre anterior. Neste caso, faise un seguimento do segundo semestre do 2017 e unha programación dos expedientes de contratación que se prevé iniciar neste primeiro semestre de 2018. Todo isto co fin de planificar as actividades do departamento, facer público e difundir, a través da páxina web municipal, o traballo do departamento de Contratación en aras á transparencia e ter unha visión de conxunto, para mellorar a contratación administrativa establecendo un calendario estimado. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o devandito plan de contratación.

Dentro das licitacións realizadas no segundo semestre do ano 2017 cómpre destacar que se adxudicaron servizos moi importantes para o Concello, que requiren de laboriosos expedientes de contratación, como foron os servizos de conciliación (Bos días Cole e Tardes Divertidas) e o servizo de monitoraxe da Rede municipal de comedores escolares, que sumaron un importe total de adxudicación de 2.054.000 euros cunha duración inicial de dous anos, prorrogables por outros dous.

Tamén se regularizaron e adxudicaron servizos, licitando por primeira vez, os servizos de Escolas culturais en 3 lotes, o servizo para a xestión e impartición de actividades formativas na Aula Cemit e o servizo de psicomotricidade educativa e preventiva. Asemade, tramitáronse varias prórrogas coma o do servizo de seguros e accidentes colectivos; o servizo de mantemento preventivo e correctivo de illas de colectores soterrados; o servizo da Escola de verán; o servizo de colaboración na xestión tributaria, censual, inspectora e recadatoria; o subministro na modalidade de renting de 22 fotocopiadoras; e o contrato de limpeza viaria e do punto limpo.

Destacar tamén que seguindo a liña da regularización, aprobáronse o expediente de licitación do servizo de telecomunicacións de voz (fixa e móbil), acceso á Internet de banda larga e transmisión e almacenamento de datos, un servizo complexo que nunca fora obxecto de licitación. Tamén se tramitou o expediente de licitación dun subministro e instalación dun sistema de control de acceso e presenza, e maila licitación das concesións de unidades de enterramento para o novo cemiterio municipal de Ames.

Execución de obras e contratos menores
Neste documento tamén se inclúen os proxectos sufragados con fondos da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, a través do POS 2015, PAS 2015, PAI 2015, DTC adicional 1/2014, POS adicional 1/2015, PAS convenios, PAI 2016, POS 2016, POS adicional 1/2016, POS +2017, obras Fondos Agader, Plan de mellora de camiños municipais 2017-2018, obras do convenio coa Xunta Galicia-Turismo (mellora e acondicionamento camiño Fisterra-Muxía) e obra do convenio coa Deputación da Coruña (ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro), e outras obras que se financian con fondos propios (ximnasio e pista de squash cuberta no pavillón de Bertamiráns, mellora do camiño de Oca a Igrexa, pavimentación da rúa Entrerríos, construción da sala de usos múltiples de Barouta, mellora do camiño de Miso a Lens, mellora do pavimento das pistas deportivas de As Mimosas e de Agro do Muíño).

Durante o segundo semestre de 2017 formalizáronse 54 contratos menores cuxos datos están publicados no Portal de Transparencia, así como os datos dos 8 convenios asinados coas distintas entidades: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Ágora Aberta, S.L; AGADIC; IES do Milladoiro; Universidade de Santiago de Compostela; Axencia de Turismo de Galicia; Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Social.

Previsión de licitacións para o primeiro semestre de 2018
No Plan recóllense tamén a previsión das licitacións que se realizarán neste primeiro semestre do 2018, entre as que están o sistema de control de presenza; o mantemento do cemiterio municipal; servizo de asistencia técnica da Estratexia DUSI; o servizo de vixiantes, socorrismo e primeiros auxilios; o servizo de lacería; a mellora da páxina web municipal; o servizo de asesoramento e mediación de seguros; o mantemento dos ascensores; o mantemento preventivo e correctivo de illas de colectores soterrados, entre outras actuacións, así coma o contrato administrativo especial de xestión da cafetería da Casa de Cultura de Bertamiráns.

Tamén se establece unha previsión para as obras a realizar como son: mellora da accesibilidade universal en edificios públicos (2ª fase), instalación dun novo pavimento no pavillón polideportivo de Bertamiráns, ampliación do abastecemento en Guimaráns e Quistiláns, mellora da eficiencia enerxética no Milladoiro, mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio, instalación dun novo pavimento no pavillón Milladoiro, pavimentación dos viarios do núcleo de Outeiro, entre outras actuacións.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, responsable da área de Contratación, indica que “volvemos a poñer de manifesto que con planificación, traballo e compromiso estamos a cumprir os obxectivos, sacando adiante os expedientes recollidos nestes Plans, facendo un seguimento exhaustivo da tramitación dos expedientes e regularizando situacións na área de contratación. Teño que agradecer as traballadoras/es municipais o seu esforzo e a súa implicación en dito traballo”.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925