Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Comeza o Entroido...


Comeza o Entroido Lúdico coa participación de preto de 140 nenas e nenos

[12-02-2018] Nesta terceira edición, o programa conta coa participación de preto de 140 crianzas, repartidas entre O Milladoiro e Bertamiráns. O servizo desenvólvese ao longo dos días 12, 13 e 14 de febreiro, en horario de 07:30 a 16:00 horas. Ao longo destes días, as nenas e nenos desenvolverán actividades centradas nesta festividade como a creación de máscaras ou de personaxes fantásticas.


Dirixido a crianzas entre os 3 e os 12 anos, o Entroido Lúdico está enfocado á realización de actividades que combinan a aprendizaxe coa diversión. Baixo o título “Que divertido é o Entroido”, a programación deste ano ten como obxectivo que as nenas e nenos usuarios descubran e participen destas festas, desde unha ollada persoal. A historia do Entroido, o papel da muller no mesmo ou a creación dunha personaxe fantástica, así como a realización dun baile de máscaras, son algunhas das actividades que as crianzas participantes desenvolverán ao longo destes días.

En Bertamiráns participan 73 nenas e nenos, dos cales 28 solicitaron o servizo Bos días e 41 o servizo de comedor. Pola súa banda, no Milladoiro, o servizo conta con 62 participantes, dos cales 19 fan uso do servizo Bos días e 38 do servizo de comedor. Estes dous servizos ofértanse dentro do programa de conciliación, de maneira que as nenas e nenos que solicitan o Bos días son atendidos xa a partir das 7:30 da mañá, e aquelas e aqueles que precisan do servizo de comedor poden quedar ata as 16:00 horas. No total, participan, desta terceira edición, 135 nenas e nenos.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que “en febreiro de 2016 púxose en marcha este programa de conciliación porque as familias de Ames así o demandaban. Agardamos que pouco a pouco se consolide no tempo como un programa máis dos lúdicos, xa que existen moitas nais e pais que, por esas datas, necesitan deste servizo para poder conciliar a súa vida laboral e familiar”.

O Entroido Lúdico desenvólvese os días 12, 13 e 14 de febreiro, en horario de 07:30h a 16:00 horas, no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI e na Casa da Cultura do Milladoiro. A iniciativa pretende facilitar á poboación amesá, composta por numerosas familias con nenas e nenos pequenos, a compatibilidade da súa vida laboral co coidado das cativas e cativos. O servizo de Entroido complementa o resto de programas de conciliación que o Concello de Ames desenvolve ao longo do ano: o Nadal Lúdico, a Primavera Lúdica, o Xuño Lúdico e o Setembro Lúdico, aos que se suman outras iniciativas como a Escola de Verán. 


Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925