Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias O amesán Borja...


O amesán Borja Golán consegue o décimo sexto campionato de España absoluto de squash que se disputou esta fin de semana no Milladoiro

[12-02-2018] As instalacións do Squash Club Santiago do Milladoiro acolleron esta pasada fin de semana o campionato de España absoluto de squash no que o amesán, Borja Golán, sumou o seu décimo sexto título nacional. Golán, que ten 35 anos e é número 17 do ranking mundial, venceu na final por tres sets a cero ao catalán Iker Pajares. Dende o ano 2002, no que gañou a seu primeiro campionato de España, o xogador amesán gañou todos os títulos disputados, excepto o do ano 2010 no que tivo unha grave lesión de xeonllo e non puido participar. Na final feminina, Cristina Gómez, impúxose á galega Xisela Aranda.

Borja Golán conseguiu o seu décimo sexto campionato de España despois de gañarlle na final ao catalán Iker Pajares. Golán gañou por 3-0 (11-4, 11-4 e 11-5) en 58 minutos de xogo. Aínda que o resultado parece que foi un partido sinxelo, o campión amesán indicou que “na final xoguei o meu mellor partido do campionato e puiden sacar adiante un partido que foi más difícil do que indica o resultado final. Xogar aquí no Milladoiro ante toda a miña xente foi algo moi especial e serviume de gran axuda”. Cómpre destacar que Golán tan só perdeu un só set en todo o campionato, foi no partido de cuartos de final contra o tamén amesán Carlos Cornes.

Borja Golán chegou á final despois de impoñerse en semifinais a Edmon López por 3-0 (11-4, 11-8 e 11-7), mentres que o seu rival na final, Iker Pajares, gañou en semifinais a Bernat Jaume, por 3-1, cun resultado de 11-5, 11-9, 9-11 e 11-9. Anteriormente, en cuartos de finais Golán gañoulle o amesán, xogador tamén do Squash Club Santiago, Carlos Cornes por 3-1 (11-9, 11-9, 1-11 e 11-4). O campionato de España absoluto de squash disputouse entre os días 9 e 11 de febreiro nas instalación que ten o Squash Club Santiago no Milladoiro.

Borja Golán explica que “para min o campionato de España é un dos torneos máis importantes do ano, polo que sempre intento chegar ao 100% para ter posibilidades de gañalo. A este campionato chegaba cun pouco de incerteza porque lesionarame nun aductor no campionato do mundo e levaba mes e medio sen competir. Por sorte fixen un bo torneo e puiden conseguir un novo título nacional. Sabía que Iker Pajares era o xogador que estaba en mellor forma de todo o cadro, e xusto aí na final, fixen o mellor partido do torneo, o que me permitiu gañarlle a Pajares”. A partir de mañá Boja Golán xa volverá aos adestramentos para preparar os torneos de Chicago, Montreal y Londres.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destaca que “o goberno de Ames quere seguir apostando polo deporte amesán. Por iso se está investindo en mellorar e construír novas infraestruturas deportivas, entre as que tamén haberá sitio para o squash, co obxectivo de que Ames conte coa súa primeira pista municipal para potenciar este deporte, no que o concello de Ames é referente gracias ao supercampión, Borja Golán, pero tamén gracias a outras moi boas raquetas do noso concello como Arón Astray e Carlos Cornes”. Construción dunha pista municipal de squash
Na actualidade estanse executando obras para ampliar o pavillón de Bertamiráns co obxectivo de dotalo dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta. Esta será a primeira pista municipal de squash onde se poderá practicar esta modalidade deportiva. Coa construción desta instalación preténdese promocionar este deporte dentro da área de influencia de Bertamiráns, despois do acordo adoptado coa Federación Galega de Squash. Asemade, esta pista vaise aproveitar nun futuro próximo para incorporar o squash nas escolas deportivas municipais.

No acto de entrega de trofeos do campionato de España absoluto de squash, José Miñones anunciou que a pista de squash municipal levará o nome de Borja Golán en recoñecemento a súa carreira profesional e a gran achega que está facendo a este deporte.

O Concello de Ames tamén planifica incorporar esta disciplina ás escolas deportivas e para iso manterá reunións tanto coa Federación Galega de squash como co campión de España. Miñones destacou que "esperamos poder seguir contribuíndo con este deporte e que nun futuro inmediato podamos gozar de moitos e moitas máis campións e campioas do noso concello. Teño que agradecer ao Squash Club Santiago polo traballo realizado na organización deste evento de primeira categoría que se disputou en Ames, e a Borja Golán darlle os parabéns, en nome de todo o Concello, por este novo título”.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925