Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Centos de persoas...


Centos de persoas participaron na sétima edición do concurso e desfile de disfraces que se celebrou no Milladoiro

[13-02-2018] O Concello de Ames organizou unha nova edición da festa de Entroido que este ano se desenvolveu na localidade do Milladoiro. Moitos veciños e veciñas saíron á rúa para participar no entroido de Ames. Un ano máis o concurso de disfraces tivo unha boa participación con persoas chegadas de diversos concellos e localidades de toda Galicia. Acudiron 4 grupos e 9 comparsas. Ademais, na categoría infantil houbo 12 inscritos e na de adultos rexistráronse 7 inscricións. Repartíronse 3.800 euros entre as categorías infantil, adulto, grupo e comparsa. Ademais, houbo dous premios especiais de 125 euros cada un aos mellores disfraces creados con material de reciclaxe. A festa estivo amenizada pola música dos Festicultores Troup, a Charanga NBA e A Fanfarría Taquikardia.

O aparcadoiro da Travesía do Porto, que está situado no Milladoiro, foi o epicentro da festa de Entroido que organizou o Concello de Ames durante a tarde deste luns 12 de febreiro. A animación comezou ás 17:00 horas coa actuación dos Festicultores Troup e maila Charanga NBA, que se encargaron de animar aos asistentes. Ás 18:00 horas comezou o desfile dos participantes polas rúas do Milladoiro. O desfile de disfraces, grupos e comparsas saíu da Travesía do Porto e discorreu polas rúas de Pardiñeiros, Agro do Medio, Agro da Madalena, e dos Cereixos, volvendo a pasar pola Travesía do Porto antes de chegar ao punto de saída.

No concurso de disfraces houbo unha boa participación con persoas chegadas de diversos concellos e localidades de toda Galicia. Na categoría infantil houbo 12 participantes chegados de Noia, Santiago de Compostela e Teo. Nesta categoría tamén houbo moitos participantes amesáns. Na categoría de adultos inscribíronse 7 persoas de Arzúa, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. Ao igual que anterior categoría moitas das persoas inscritas eran do Milladoiro. Ademais, participaron no concurso de disfraces 4 grupos, de Santiago de Compostela, Arzúa e do Milladoiro, e 9 comparsas de Tomiño, Negreira, Portonovo, Pontevedra, Poio e do Milladoiro. Gañadores do concurso de disfraces
Os gañadores do concurso de disfraces foron os seguintes. Na categoría infantil gañou Pablo Mouzón Moure, do concello de Teo, co disfrace O Rato na Rateira, que recibiu un premio de 100 euros. No segundo posto quedou Uxía Abai Ruibal, de Santiago, co disfrace Atilano vai de voda, mentres que a terceira posición foi para Julia Bouzón Munín, de Cacheiras (Teo), co disfrace A pequena peliqueira. O segundo clasificado foi premiado con 75 euros e o terceiro cun premio en metálico 50 euros.

Na categoría de adultos o gañador foi José Luis Pampín Villar, de Arzúa, co disfrace Dino sobre rodas, que foi premiado con 200 euros. O segundo premio de 150 euros foi para Elena Martínez Álvarez e Rosa Costas Endenza, de Vigo, co disfrace Venecia e os seus xardíns. O terceiro e último premio desta categoría dotado de 75 euros, recaeu en María Ángeles Martín Carracedo, do Milladoiro, co disfrace Abella.

Na categoría de grupo gañaron os membros do grupo Os habitantes das Fragas, de Santiago, que obtiveron un premio de 500 euros. Na segunda posición quedaron os membros de Ratatouille, os ratos larpeiros, de Arzúa, que obtiveron 300 euros, mentres a terceira posición foi para os compoñentes de Millabanda World, do Milladoiro, que levaron 150 euros.

Na categoría de comparsas o premio de 1.100 euros foi para Os Carnavaleiros de Liñaio, de Negreira, coa comparsa Os xigantes venecianos de Liñaio. O segundo premio de 600 euros recaeu na Asociación cultural Cor Café, de Pontevedra, coa comparsa Blancanieves; mirror, mirror. Por último, o terceiro premio de 500 euros foi para a Asociación cultural Os 100 Tolos, de Poio, coa comparsa Os 100 Tolos. Gañadores dos premios especiais
Por outra banda, houbo dous premios especiais de 125 euros cada un aos mellores disfraces creados con material de reciclaxe. Estes premios foron para José Luis Pampín Villar, de Arzúa, co disfrace Dino sobre rodas, e para Ian Alexandre Sánchez, do Milladoiro, co disfrace Robotronic.

O xurado do concurso de disfraces estivo composto por Ana Rosa Lista, mestra deseñadora de encaixe; Aurora García, profesora da Escola municipal de arte miúda en Ames; e Isabel Rei Pousada, directora teatral. A festa rematou coa actuación do grupo A Fanfarría Taquikardia.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925