Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias O alumnado das...


O alumnado das escolas infantís municipais de Ames celebrou o Entroido

[14-02-2018] A variedade de disfraces e o bo humor foron os protagonistas das festas que, o pasado venres, tiveron lugar nas escolas infantís do Bosque en Bertamiráns e da Madalena no Milladoiro. Durante a tarde, as nenas e nenos puideron gozar dunha velada animada en compañía das súas familias. A festa tamén incluíu unha merenda con produtos típicos do Entroido como filloas e orellas. A programación nas escolas infantís completouse ao longo da semana coa realización doutras actividades como o deseño dos disfraces.


As escolas infantís do Bosque e da Madalena celebraron, o pasado venres, as súas correspondentes festas de Entroido, nas que as cativas e cativos aproveitaron para lucir os seus disfraces. Ao longo da tarde, as nenas e nenos gozaron, xunto coas súas familias, dos xogos e da música. Ademais, as familias participantes puideron merendar produtos típicos como filloas e orellas.

A temática escollida pola escola infantil O Bosque foi a das froitas. O disfrace, que foi elaborado polo persoal da escola cunha pequena axuda por parte do alumando, variou en función de cada nivel educativo. As máis pequenas e pequenos disfrazáronse de mazás vermellas e verdes. As nenas e nenos do un aos dous anos fixérono de uvas, sandías e cereixas. Pola súa banda, o alumando da clase de dous a tres anos escolleu a laranxa, a fresa e a piña para inspirar os seus traxes. Alén da festa do venres, o alumando do Bosque tamén realizou unha festa o xoves pola mañá, neste caso, sen a presenza das familias. Durante a festa, levouse a cabo un pequeno desfile. As nenas e nenos da escola tamén decoraron a entrada do edificio con motivos froiteiros.

Na EIM do Milladoiro o Entroido comezou xa o pasado luns. Desde ese día e ata o xoves, as nenas e nenos da escola tiveron que levar diariamente un obxecto diferente como un sombreiro ou mesmo o pixama. No Milladoiro, o disfrace escollido para celebrar o Entroido foi o de hippie, que estivo conformado por un traxe de cores vivas, unhas gafas e unha cinta para o pelo. Na mañá do venres, o alumnado realizou un desfile na praza contigua á escola, ao cal asistiron algunhas das nais e dos pais.

Pola tarde, as escolas infantís realizaron unha festa de portas abertas, á que acudiron tamén as familias das nenas e nenos. Neste caso, a temática do disfrace foi libre.


Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925