Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Está aberto o...


Está aberto o prazo para apuntarse nos cursos que oferta a Aula de informática do Milladoiro para os meses de xaneiro, febreiro e marzo

[17-01-2017] Dende o luns 9 de xaneiro está aberto o prazo para inscribirse nos novos cursos que se van a impartir na Aula de informática do Milladoiro durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Para este trimestre ofértanse unhas xornadas de iniciación á Internet, un curso de mecanografía para os rapaces e rapazas e un obradoiro para aprender a crear e usar unha conta de correo electrónico. Para obter máis información sobre estas actividades pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar unha correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal

A Aula de Informática do Milladoiro inicia o ano cunha nova programación de actividades para os meses de xaneiro, febreiro e marzo. Durante os días 23, 24, 25, 26 e 30 de xaneiro impartiranse unhas xornadas de iniciación á Internet, que están dirixidas ás persoas maiores de 18 anos. Hai dúas quendas para este obradoiro, unha de mañá, entre as 10:00 e as 11:30 horas, e outra de tarde, que terá lugar entre as 18:00 e as 19:30 horas. Para cada unha das quendas ofértanse 10 prazas. Esta actividade terá unha duración de 7,5 horas.

Os participantes nesta actividade aprenderán diversos usos da Internet para a súa vida diaria como poden ser ler a prensa, pedir cita para o médico, escoitar a radio, ver a televisión, facer unha compra, buscar información sobre algún tema de interese, gardar un vídeo de Youtube no ordenador, etc.

Para o mes de febreiro está prevista a realización dun curso de mecanografía para rapaces e rapazas de 12 a 18 anos. Esta actividade desenvolverase os días 1, 6, 8, 13, 15, 20, 22 e 23 de febreiro. Haberá dúas quendas diferentes: de 17:30 a 18:30 para os nenos e nenas de 12 a 15 anos, e de 18:30 a 19:30 para os rapaces e rapazas de 15 a 18 anos. Ofértanse 10 prazas por quenda. A través deste curso de 8 horas de duración os usuarios/as aprenderán a escribir correctamente no ordenador.

Por último, os días 13, 16 e 20 de marzo desenvolverase un obradoiro para aprender a crear e usar unha conta de correo electrónico. Esta actividade, que está dirixida a persoas maiores de 14 anos de idade, tamén se impartirá en dúas quendas. Unha de mañá, entre as 10:00 e as 11:30 horas, e outra de tarde, que terá lugar entre as 18:00 e as 19:30 horas. Para cada unha das quendas ofértanse 10 prazas. Esta actividade terá unha duración de 4,5 horas.

Tramitación das inscricións
As inscricións para todos estes obradoiros xa se poden realizar dende este luns, 9 de xaneiro, na Aula de Informática que está situada na Casa da Cultura do Milladoiro. As inscricións poden facerse de xeito presencial, en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00 a 20:00 horas, e os venres de 9:30 a 13:30 horas. Tamén se poden tramitar as inscricións nestas actividades de forma telemática. Para iso hai que enviar un correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal axuntando o impreso de solicitude que se pode obter premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas.

As prazas cubriranse por orde de inscrición. Terán preferencia as persoas que non participaron nas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é necesario un mínimo de sete persoas inscritas. Calquera persoa que desexe máis información poderá obtela directamente na Aula de Informática, enviando un correo electrónico ao enderezo informatica.milladoiro@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 981 535 940.

Por outra banda a Aula de Informática do Milladoiro mantén un servizo de Aula Aberta para que todas aquelas persoas que desexen facer tarefas particulares tales como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de acceso da Aula Aberta é de 16:00 a 20:00 horas de luns a xoves. Os venres, o servizo de aula aberta préstase pola mañá, entre as 9:30 e as 13:30. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroado no Concello de Ames.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925