Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Unión de...


A Unión de Consumidores de Galicia e o Concello de Ames organizan unha segunda xornada informativa sobre as cláusulas chan no Milladoiro

[15-02-2017] O próximo martes, 21 de febreiro, técnicos da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) levarán a cabo unha xornada informativa no Milladoiro baixo o título Que podo facer ante unha cláusula chan?, unha actividade cuxo obxectivo é axudar a veciñanza amesá a despexar as súas dúbidas sobre as cláusulas chan e o impacto que a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea terá sobre a devolución dos importes cobrados indebidamente. A xornada informativa levarase a cabo, ás 20:30 horas, na aula de usos múltiples da Casa da Cultura desta localidade. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. Trátase da segunda charla que se realiza en Ames.

Tralo éxito da charla organizada no mes de xaneiro en Bertamiráns a UCGAL e mailo Concello de Ames decidiron repetir esta xornada informativa no Milladoiro. Así, baixo o título Que podo facer ante unha cláusula chan? o próximo martes, 21 de febreiro, ás 20:30 horas, vaise a realizar esta charla informativa na aula de usos múltiples da Casa da Cultura desta localidade. A través desta actividade preténdese achegar á veciñanza información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan e as opcións que teñen as persoas afectadas por esta fraude masiva.

A UCGAL recoñece que, trala sentenza ditada recentemente polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), o número de consultas sobre as cláusulas chan aumentou e que, practicamente cada día, atenden chamadas de persoas consumidoras que buscan información e asesoramento. Esta xornada informativa enmárcase dentro dunha serie de actividades que a UCGAL está desenvolvendo para achegar á cidadanía información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan e as opcións que teñen as persoas afectadas por esta fraude masiva.

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, explica que “o obxectivo desta actividade é que cada persoa coñeza a situación na que se atopa para saber se ten unha hipoteca que inclúe unha cláusula desta natureza, e no caso de que se sexa así, se ten a posibilidade de recuperar o seu diñeiro. Tamén cabe a posibilidade de que parte dese diñeiro xa lle fora devolto, dependendo da entidade bancaria coa que se asinou a hipoteca. En definitiva, trátase de que o consumidor poida ter información detallada e individualizada, sen ningún tipo de custe, sobre a súa situación, e unha vez coñecido iso poida reclamar para que lle deixen de aplicar as cláusulas chan”.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel Gonzalez, anima “a toda a veciñanza que se poida ver afectada polo pago dunha hipoteca a asistir a xornada e faga valer os seus dereitos. Agardamos que a charla que se vai a desenvolver no Milladoiro esperte o mesmo interese, ou incluso máis, da que se fixo o mes pasado en Bertamiráns”.

Consultas individualizadas de cada caso
É importante que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor deste servizo que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular. Para solicitar información e pedir cita previa hai que chamar ao número de teléfono 662 13 03 12.

Deste xeito, os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925