Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Pleno aproba...


O Pleno aproba suspender o inicio da prestación do servizo do Ciclo integral da auga que estaba adxudicado á empresa Espina y Delfín

[15-02-2017] Este martes, 14 de febreiro, celebrouse un pleno extraordinario no que se aprobou a suspensión do inicio da prestación do servizo do Ciclo integral da auga, que resultou do contrato formalizado o pasado 27 de xaneiro de 2017 entre o Concello e a empresa adxudicataria de dito servizo, Espina y Delfín SL, debido aos recursos de reposición presentados contra o acordo tomado en pleno o pasado 29 de decembro de 2016, de adxudicación da licitación da xestión do servizo público “Ciclo integral da auga” do Concello de Ames. Este punto foi aprobado por maioría absoluta cos votos favorables dos membros do goberno e dos concelleiros/as de Ames Novo, Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López. Os edís de Pacto por Ames abstivéronse.

O 28 de abril de 2016 o Pleno acordou prestar aprobación ao expediente de contratación mediante procedemento aberto, oferta máis vantaxosa e varios criterios de adxudicación, para a xestión do servizo público “Ciclo Integral da Auga” do concello de Ames, mediante a modalidade de concesión por un prazo de dous anos prorrogable anualmente ata un máximo de catro anos (período inicial e prórrogas). Trala tramitación do proceso de licitación de dito servizo o Pleno, o 29 de decembro de 2016, procedeu á adxudicación do contrato indicado á entidade mercantil Espina y Delfín, SL.

Posteriormente, o 24 de xaneiro, a UTE constituída polas empresas Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense, SA (FACSA) e Espina obras hidráulicas, SA, presentou un recurso de reposición por incumprimento do principio de transparencia, que vulnera os dereitos de acceso á información do licitador, coa conseguinte diminución do seu dereito de defensa; o incumprimento das prescricións esixidas polos pregos por parte da adxudicataria; a insostenibilidade do modelo financeiro da proposta da empresa adxudicataria, conectada á inviabilidade da súa oferta económica por baixas desproporcionadas ou anormais; e na que se solicita a suspensión do inicio da prestación do servizo do Ciclo integral da auga.

O segundo recurso de reposición foi presentado o 7 de febreiro por parte da entidade Acciona Agua Servicios, SAU, no que se alega a infracción dos principios de publicidade e transparencia no acceso ás ofertas dos licitadores polo alcance das declaracións de confidencialidade efectuadas; a existencia de erros no informe da asistencia técnica contratada para a avaliación das ofertas no tocante á valoración dos sistemas de telexestión e cámaras de inspección de tuberías; e a inadmisibilidade das ofertas presentadas polo adxudicatario e o segundo licitador mellor valorado ao non respectar os pregos reguladores do procedemento.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou “temos encima da mesa a admisión a trámite dos recursos que presentan estas dúas empresas e maila petición de suspensión do servizos que foi solicitado por unha das empresas. Temos o prazo dun mes para dar resposta a ditas alegacións, senón a empresa adxudicataria comezaría a xestionar o servizo do ciclo integral da auga. Se optamos pola vía da suspensión, nos próximos días haberá que decidir na comisión do ciclo integral da auga os pasos a seguir, tal e como se fixo dende o primeiro momento. Ademais, necesitamos un informe que nos diga se é viable ou non a proposta económico – financeira presentada pola empresa adxudicataria”.

Intervencións dos voceiros
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “dentro dos recursos presentados hai dúas partes ben diferenciadas. Un que é o tema da transparencia e inadmisión, que é discutible porque se lle deu audiencia a todas as entidades que así o solicitaron. O segundo, que é máis preocupante, é a reclamación feita sobre a insostenibilidade do modelo financeiro que presentou a empresa adxudicataria. Dende o goberno cremos que o oportuno é que a consultora IDOM, que foi a que elaborou os pregos e realizou o estudo das ofertas técnicas presentadas polas entidades que se presentaron ao proceso de licitación, sexa a que faga un análise do modelo financeiro que presentan as empresas Espina y Delfín e Espina Obras Hidráulicas para ter maior seguridade. En definitiva o que se pretende é garantir unha maior seguridade na tramitación dos recursos presentados”.

Dende os grupos municipais da oposición mostráronse preocupados porque este proceso acabe no xulgado polo tema da transparencia e inadmisión, que se recollen nos recursos presentados. Tamén mostraron as súas dúbidas por se a consultora IDOM é a máis axeitada para elaborar a análise do modelo financeiro que presentan as empresas Espina y Delfín e Espina Obras Hidráulicas.

Dende o grupo municipal Ames Novo insistiron na necesidade de municipalizar este servizo. “Estamos chegando aos dous anos de mandato deste goberno e aínda non se comezou co proceso de municipalización do ciclo integral da auga, polo que se finalmente se adxudica dito servizo por un período de dous anos a unha empresa privada durante este mandato xa non se poderá municipalizar. É inevitable a paralización do contrato subscrito con Espina y Delfín porque se non se aceptan os recursos presentados supoñemos que estas entidades irán a un xuízo”.

Sobre o tema da municipalización o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos salientou que “se este proceso se embarra non vamos a comezar un novo proceso de licitación de novo, senón que apostaríamos por esta vía. Empezaremos a traballar para municipalizar o ciclo integral da auga”.

Acordos adoptados
Este punto foi aprobado por maioría absoluta cos votos favorables dos membros do goberno e dos concelleiros/as de Ames Novo, Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López. Os edís de Pacto por Ames abstivéronse. Deste xeito, aprobouse admitir a trámite os recursos de reposición presentados, suspender o inicio da prestación do servizo do Ciclo integral da auga, solicitar á consultora IDOM un informe relativo ás cuestións plantexadas nos recursos relativas ás puntuacións outorgadas aos licitadores, así coma as relativas aos respectivos estudos económico-financeiros, e notificar este acordo aos interesados.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925