Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames acolle este...


Ames acolle este sábado as segundas xornadas sobre comedores escolares

[17-02-2017] Ames acolle este sábado, 18 de febreiro, unha nova edición das Xornadas de comedores escolares organizadas pola Federación de ANPAS Compostela en colaboración coa Confederación de ANPAS galegas. Entre as 10:00 e as 19:30 horas haberá encontros e mesas de debate sobre o modelo de xestión dos comedores escolares. Estas xornadas desenvolveranse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As xornadas serán presentadas polo alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e o presidente da Confederación de ANPAS galegas, Javier Sánchez. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa destas xornadas.

As entidades organizadoras coinciden na importancia de realizar en Ames estas xornadas. Haberá diferentes mesas de debate sobre o modelo de xestión dos comedores escolares a través de empresas de catering, dos concellos, da Xunta de Galicia e das ANPAS, así como das iniciativas máis destacadas neste ámbito. As xornadas serán presentadas polo alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e o presidente da Confederación de ANPAS galegas, Javier Sánchez.

Trala presentación realizarase unha mesa redonda sobre o modelo de xestión dos comedores escolares municipais e sobre o produto ecolóxico e de proximidade, onde están convidadas empresas e proxectos que desenvolven ditas actividades. Tamén se proxectará un vídeo sobre a Rede municipal de comedores escolares do Concello de Ames. Pola tarde o primeiro bloque centrarase no proxecto educativo dos comedores escolares. De seguido, diferentes empresas concesionarias do funcionamento dos programas de conciliación de Ames e o Colexio de Educadoras e Educadores sociais de Galicia abordarán o proxecto educativo dos comedores escolares, dando a coñecer as primeiras polo miúdo o traballo que se está a realizar nos centros públicos de Ames.

Por outra banda, realizarase a presentación do estudo Un novo modelo de comedores escolares. O punto de vista das familias. Asemade, aproveitarase esta xornada para facer públicos os resultados dun estudio da enquisa feito entre as familias compostelás realizada pola Federación de ANPAS Compostela, a través da distribución de 2.760 cuestionarios nos que preguntaron ás familias polo modelo de xestión do servizo de comedores que prefiren nos centros públicos de Santiago de Compostela. Finalmente pechárase estas xornadas co módulo Dieta Atlántica e Deporte.

Estas xornadas están deseñadas para todos os públicos, desde usuarios/as de comedores escolares, docentes, persoal dos comedores escolares, comunidade educativa e ANPAS en xeral, e tamén para diferentes empresas provedoras locais e hostalería. Para obter máis información, obter o programa e inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo anpascompostela@gmail.com ou acceder á paxina web: www.anpasgalegas.org

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925