Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames celebrou o día das Letras Galegas cun acto literario-musical no que se entregaron os premios dos certames Literario e Intercentros

[17-05-2017] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este martes pola tarde a celebración do Día das Letras Galegas. O acto comezou cun concerto do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. De seguido, a concelleira de Normalización Lingüística destacou o compromiso do Concello en prol da lingua galega. Trala intervención da concelleira realizouse a entrega de premios do IX Certame artístico-literario Intercentros, dirixido ao alumnado amesá, e do XIV Certame Literario de narrativa e poesía. Este ano como novidade os rapaces e rapazas gañadores/as do certame Intercentros leron os seus traballos nos que escribiron un final diferente do conto A Galiña Azul de Carlos Casares. O acto pechouse cun concerto do grupo de pandereteiras As Maíanas.

“Escribo cunha clara conciencia política fronte ao castelán, que é a lingua imposta. Eu téñoo moi claro. O bilingüismo non o acepto, ao máis podo desculpalo, e non sempre. Aínda non atopei a ninguén que me puidera demostrar que o bilingüismo é politicamente válido. A lingua dos galegos é o galego e eu, dende o meu oficio de escritor, estou a defender esa lingua con todas as miñas forzas e todos os meus coñecementos”, con estas verbas de Carlos Casares, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, a xornalista de Ames Radio, Nazaret López, abriu o acto celebrado no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Este acto combinou música e literatura. Deste xeito, o alumnado da Escola municipal de música de Ames interpretou varios temas. Ademais, fíxose entrega dos premios do IX Certame artístico-literario Intercentros, que estivo dirixido ao alumnado dos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. Este ano os rapaces e rapazas participantes tiveron que presentar un texto ilustrado, en prosa ou en verso, que continuase, de xeito orixinal, o conto da Galiña Azul de Carlos Casares.

Neste certame presentáronse un total de 98 obras (43 do CEIP A Maía; 42 do CEIP Agro do Muíño; 10 do CEP de Ventín e 3 do CEIP de Barouta). Na primeira categoría presentáronse 56 traballos, mentres que na segunda houbo 42. O número total de alumnos/as participantes foi de 136. O xurado deste certame estivo formado por María del Mar Prieto, María Vázquez e Rosa Moreiras.

Asemade, este ano como novidade os rapaces e rapazas gañadores/as do Certame Intercentros leron os seus traballos nos que escribiron un final diferente do conto A Galiña Azul de Carlos Casares. Deste xeito, Noa de Blas, Candela Vázquez, Lúa Ardións e Sabela Souto, todas alumnas do CEIP Agro do Muíño, así como Lara Torea, Carlos Sanmartín e Natalia Paz do CEIP A Maía, contarannos o desenlace que eles e elas imaxinaron para A Galiña azul, como homenaxe a Carlos Casares, o autor protagonista este ano do Día das Letras Galegas. XIV Certame Literario de narrativa e poesía
Por outra banda, entregáronse os premios aos gañadores e gañadoras do XIV Certame Literario de narrativa e poesía. O concurso reuniu un total de 129 traballos procedentes de toda Galicia e de varias localidades do resto de España. Na modalidade de poesía houbo 69 traballos, mentres que en narrativa presentáronse 60 obras. Este ano o xurado do certame estivo composto pola profesora Dolores Vilavedra, o escritor Manuel Portas e o poeta Ismael Ramos.

Na modalidade de narrativa (categoría de ata 13 anos) o gañador foi Daniel Souto, do concello de Brión, coa obra Vía libre. O segundo clasificado foi Manuel Muñoz, de Carballo, coa peza O mundo imaxinario de Uxío, mentres que na terceira posición quedou Rosalía Sáez, de Santiago de Compostela, co traballo O rostro dun asasinato. Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) a gañadora foi Iria Freire, de Negreira, coa obra Unha gaiola para a luz. A segunda clasificada foi Ana Barros, de Marín, coa peza Bala Perdida, e na terceira posición quedou Lucía Fuentes, tamén de Negreira, co traballo A vida de Marta. Na terceira e última categoría (18 anos ou máis) o gañador foi Antonio Piñeiro, de Ribeira, con Sinfonía con quinto esquerda. A segunda posición foi para Santiago Casal, de Oleiros, coa peza Pel de mazá, mentres que na terceira posición quedou Martiño Maseda, de Vilalba, co traballo Omnisciencia.

Na modalidade de poesía (categoría de ata 13 anos) o primeiro premio foi para Paula Domínguez, de Pontevedra, coa obra Romance da moza que quería ser tamén andoriña. O segundo clasificado foi Anxo Villanueva, de Ames, coa peza Monstro, mentres que na terceira posición quedou Rodrigo Fontán, tamén de Ames, co traballo A gata saleta. Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) o primeiro premio foi para Manuel Xiráldez, de Brión, coa obra De amor en vela. O segundo premio recaeu en Laura López, de Lugo, coa peza Pergameos Contemporáneos, e na terceira posición quedou Irene Rico, de Burela, con Euxénese poética. Por último, na categoría de 18 anos ou máis, a gañadora foi Arancha Nogueira, de Ourense, coa obra Para ser de ti, a segunda clasificada foi Sara Villar, de Silleda, coa peza The dreamers, e na terceira posición quedou Luís Rodríguez, de Ames, co traballo Deus: Making off. Compromiso coa lingua galega
A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, destacou “a gran importancia dos certames literarios que descobren o talento literario dos rapaces e rapazas de Ames e de aquelas persoas que escriben en galego”. Ademais, Vaquero salientou “o compromiso sólido que ten o goberno de Ames coa lingua galega e que se demostra coa participación en programas como o Apego, que lle axuda ás familias amesás a transmitir o galego de pais/nais a fillos/as a través de diversas actividades lúdicas”. A concelleira acabou dicindo que “mañá se celebra o Día das Letras Galegas, pero débese celebrar os 365 días do ano”. O acto pechouse cun concerto do grupo de pandereteiras As Maíanas.

Por outra banda, este ano o Concello de Ames puxo en marcha unha nova iniciativa con motivo da semana das letras e convidou ás librarías de Bertamiráns e do Milladoiro a encher os escaparates con libros en galego, prestándolle especial atención ás novidades na nosa lingua para todas as idades. Neste iniciativa participan as cinco librarías do concello (Lenda, Boas e Novas, e Mainomen, de Bertamiráns, e Nenos nais e O Tinteiro do Milladoiro). A través desta proposta, que se está desenvolvendo ao longo desta semana, preténdese difundir o libro en galego e fomentar a súa lectura.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925