Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os veciños e...


Os veciños e veciñas de Ames poderán decidir que investimentos se farán no rural a través da campaña de orzamentos participativos 2017

[18-05-2017] O goberno municipal presentou esta mañá a campaña de orzamentos participativos “En Ames participamos e decidimos no noso concello!”, a través da cal os veciños e veciñas amesáns decidirán os investimentos que se farán no rural durante este ano 2017. É a primeira vez que se pon en marcha esta iniciativa de participación aberta. Elaborouse un calendario de xuntanzas veciñais que comezan este xoves, 18 de maio, no local social da Ameixenda. Entre o 9 e o 23 de xuño abrirase un período para que a veciñanza presente as súas propostas a través dun impreso que haberá que entregar nos rexistros municipais. De seguido, unha comisión formada por veciños/as, membros do goberno e técnicos municipais valorará e seleccionará as propostas que se executarán durante o segundo semestre de 2017.

O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, presentaron esta mañá a campaña de orzamentos participativos: En Ames participamos e decidimos no noso concello! A explicación da devandita campaña correu a cargo de Genma Otero xa que esta novidosa iniciativa parte dende a súa área. O obxecto desta iniciativa é establecer un primeiro modelo de orzamento participativo directo no que se reserva unha parte dos orzamentos do ano 2017 para o capítulo de investimentos destinados a financiar proxectos ou infraestruturas no rural e que sexan as/os amesáns os que decidan en que proxectos se inviste nas 11 parroquias do rural amesán.

Os orzamentos participativos son unha ferramenta activa de participación e xestión na que a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte dos recursos municipais. O obxectivo desta primeira iniciativa de orzamentos participativos é conseguir a participación e implicación directa da cidadanía para identificar as principais demandas e preocupacións dos veciños e veciñas. O Concello de Ames vén de aprobar inicialmente o novo orzamento de 2017 despois de 5 anos de prórroga.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que se trata dunha iniciativa nova e que nunca se fixera no Concello de Ames. “Trátase dunha ferramenta activa e aberta de participación na xestión de parte dos recursos municipais, que vai permitir a participación dos veciños e veciños, tanto de forma individual coma a través das distintas asociacións veciñais existentes. Esta iniciativa serve para implicar a cidadanía porque son eles os que mellor coñecen as principais necesidades e demandas que existen no rural”. Ademais, Genma Otero explicou que de cara ao exercicio 2018 estudarase a posibilidade de estender esta iniciativa aos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro.

Os orzamentos participativos recolle a proposta do goberno de participación da veciñanza de Ames asignando a cantidade de 132.000 euros como orzamento participativo destinado a gastos do Capítulo VI (investimentos reais) cun reparto igualitario de 12.000 euros para cada unha das 11 parroquias (Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño) para actuacións no rural. Poderán debaterse e presentarse propostas relacionadas co capítulo de investimentos como son, entre outras, as seguintes: melloras na iluminación pública; mantemento e mellora de fontes públicas; mantemento de estradas e camiños; actuacións en materia de abastecemento e saneamento; acondicionamento ou mellora de zonas verdes e espazos naturais.

O alcalde de Ames, José Miñones, dixo “para este goberno hoxe é día moi importante porque iniciamos este proceso que vai permitir a participación directa da veciñanza. Ademais, é importante porque recollerá as demandas que os veciños e veciñas lle fagan ao goberno e que se executarán con esa partida que está habilitada no orzamento de 2017. Somos conscientes de que esta iniciativa se realiza por primeira vez, co cal é posible que cometamos erros. Por iso temos que tratar de ir aprendendo de cara a mellorar para os vindeiros anos. Para nós é un novo xesto de cara ao rural. Agardamos que a finais do mes de xuño teñamos as propostas pechades e quedará por diante todo un semestre para poder executalas”.

Desenvolvemento do proceso participativo
O goberno municipal levará a cabo un proceso participativo que inclúe unha campaña de información e difusión e de xuntanzas veciñais nas parroquias. Na páxina principal da web municipal habilitouse un banner de Orzamentos Participativos 2017 para dar a coñecer todas as fases e o resultado do proceso participativo. Dito banner está colocado na marxe dereita da páxina principal, debaixo da sección de videoteca.

Asemade, celebraranse xuntanzas veciñais nas distintas parroquias para dar a coñecer o proceso participativo, que se desenvolverán durante os meses de maio e xuño. A primeira reunión veciñal farase este xoves, 18 de maio, no local social da Ameixenda. Unha vez rematadas as 14 xuntanzas programadas, abrirase un prazo de presentación de propostas de 15 días que irá do venres 9 de xuño ata o venres 23 xuño (ambos incluídos). Neste prazo a veciñanza, asociacións e colectivos das diferentes parroquias poderán presentar as súas propostas e participar. Para isto habilitaranse por parte do Concello uns formularios de propostas que estarán dispoñibles nas dependencias municipais e poderán descargarse desde a páxina web municipal. As propostas deberán entregarse nos rexistros do Concello.

Comisión de orzamentos participativos
Cómpre destacar que para o desenvolvemento de todo o proceso designarase unha Comisión de orzamentos participativos, que estará composta por membros do goberno, persoal técnico municipal e representantes das diferentes asociacións veciñais das parroquias. Este órgano encargarase de seleccionar as propostas que sexan viables legal, técnica e orzamentariamente.

Unha vez seleccionadas, a comisión clasificara as propostas atendendo aos seguintes criterios por orde de prioridade: mellorar a calidade de vida e as necesidades básicas da poboación do rural; afecten ao maior número de veciñas/os da parroquia; prever a activa participación da veciñanza; favorecer a colectivos vulnerables ou con necesidades especiais; favorecer o desenvolvemento sostible ou aforro económico e/ou a eficiencia enerxética; prever o cofinanciamento por parte da veciñanza. Finalmente, dita comisión publicará unha listaxe de todas as propostas presentadas e elaborará e aprobará a relación definitiva de propostas seleccionadas ordenadas segundo a orde de prioridade e publicara a listaxe definitiva.

O encargado de pechar a quenda de intervencións foi o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que salientou que “esta iniciativa é froito dun firme compromiso que ten o goberno municipal co rural amesán e resultado dun proceso de negociación que se levou a cabo para aprobar os orzamentos de 2017. Trátase dun novo avance de apertura do Concello en canto á participación veciñal, e animo a todos os veciños e veciñas a que se sumen a este proxecto e presente as súas propostas”. Santomil rematou dicindo “que se trata dun paso moi importante, que están dando os gobernos máis progresistas e que están na vangarda da participación. Dende logo que con este feito nós demostramos que Ames dispón dun destes gobernos que traballa en prol da participación veciñal”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925