Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno local...


O goberno local traballa na reordenanción e mellora de varias áreas de estacionamento municipais

[03-07-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegáronse ata o aparcadoiro do pavillón polideportivo de Bertamiráns para ver o resultado dos traballos de pintado feitos nesta área de estacionamento. A través destes traballos habilitáronse 82 prazas de estacionamento para vehículos, 2 para persoas con diversidade funcional e 4 para motocicletas. Estas tarefas enmárcanse dentro das actuacións acordadas coa comunidade educativa do CEIP A Maía para mellorar a seguridade viaria na contorna deste centro educativo, xa que motos pais/nais aparcan neste aparcadoiro para ir andando ata este colexio.

O Concello de Ames vén de rematar os traballos de pintado do aparcadoiro do pavillón municipal de Bertamiráns. Esta área de aparcamento presta servizo aos usuarios do campo de fútbol, da piscina municipal e do propio pavillón. Ademais, durante o curso escolar, neste lugar aparcan moitos dos pais e nais que teñen aos seus fillos/as escolarizados no CEIP da Maía. A tráves deste traballos habilitáronse 82 prazas de estacionamento para vehículos, 2 para persoas con diversidade funcional e 4 para motocicletas.

Por outra banda, o goberno municipal está traballando na mellora doutras áreas de aparcamento como é a que se atopa ao carón do campo de fútbol do Milladoiro. Neste lugar vanse realizar traballos de pintado. Asemade, nesta área executáronse unhas escaleiras que unen o polígono do Novo Milladoiro con dito aparcadoiro co obxectivo de que poida ser usado ao longo de toda a semana tanto polos usuarios/as do campo de fútbol como das persoas que traballan no parque empresarial do Milladoiro.

O goberno tamén está traballando na reordenación dos espazos verdes do devandito polígono para crear novas prazas de estacionamento. A maiores en Bertamiráns o goberno municipal está negociando cos propietarios da parcela que está pegada ao leiraparking que se atopa detrás do local da Policía Local e do departamento de urbanismo. Así, estase negociando para asinar unha cesión temporal desta parcela de 4.400 metros cadrados co obxectivo de que poida ser usada como aparcadoiro e para desenvolver nela diferentes actividades municipais. No Milladoiro vanse a reordenar as prazas de estacionamento do aparcamento do Supercor e ampliar o aparcadoiro que se atopa entre as rúas Agro da Madalena e Cereixos.

Fomento do comercio local

Por último, cómpre destacar que o goberno municipal decidiu habilitar varias prazas de estacionamento cun período temporal máximo de 10 minutos para fomentar o movemento de vehículos e que non estean parados na mesma praza de estacionamento durante un período longo de tempo. Esta medida tomouse co obxectivo de fomentar o comercio local e en determinadas rúas do Milladoiro e de Bertamiráns (rúa de Anxeriz, Raxoeira, avenida da Maía, etc). As sinais instaladas nas devanditas localidades regulan o estacionamento temporal máximo de 10 minutos entre as 9:00 e as 21:00 horas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925