Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames rehabilitará a antiga escola unitaria de Firmistáns para dedicala a vivenda de tránsito e uso veciñal

[12-08-2017] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este venres, 11 de agosto, en sesión extraordinaria o inicio do expediente de contratación das obras para rehabilitar a antiga escola unitaria de Firmistáns, situada na parroquia de Bugallido. O goberno municipal conta cunha axuda de 70.670 euros, ao abeiro da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 (convocatoria 2017-2018), cofinaciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), para acondicionar este edificio que pasará a ter un uso social e veciñal coa finalidade de ser un fogar de tránsito, para acoller a persoas en situación de risco social temporal. Este proxecto ten un custo de 100.000 euros, polo que o Concello terá que achegar 29.330 euros para completar o importe necesario.

O Concello de Ames vén de coñecer a concesión dunha axuda de 70.670 euros, que solicitou por ser membro do GDR Terras de Compostela. Esta subvención empregarase para realizar unha actuación na antiga escola unitaria de Firmistáns, situada na parroquia de Bugallido. A petición desta axuda foi tramitada pola Concellaría de Promoción Económica. Para realizar dito proxecto aprobouse no pleno ordinario de maio o cambio de uso da escola de docente a social. A idea é rehabilitar esta antiga escola unitaria para a súa adecuación como fogar de tránsito. Este proxecto ten un custo de 100.000 euros, polo que o Concello terá que achegar 29.330 euros para completar o importe necesario.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica "con este proxecto, debido as súas características de versatilidade para o edificio, poderase dar cabida a distintas actividades comunitarias temporais para os propios veciños e veciñas ás que no seu momento sexa preciso dar soporte municipal. Esta actuación pretende ser o inicio da constitución dunha rede de base parroquial de edificacións de similares características, que dean servizo ao concello e ás súas comunidades e que se convertan pioneiras desde o punto de vista das prestacións desenvolvidas e tamén o mesmo tempo se poñen en valor un edificio que no seu día foi Escola Unitaria e agora xa levaba moitos anos totalmente abandonado".

En concreto o proxecto pretende dotar ao concello de Ames de capacidade para acoller persoas en situación de risco social temporal, ben pola existencia dunha situación puntual de risco (desafiuzamentos de familias, catástrofe ou accidente no aloxamento habitual), ou ben dar cobertura de aloxamento e manutención a persoas cun risco estrutural, pobreza, ausencia de aloxamento, ou inviabilidade de manutención, nenos en acollida temporal, etc. Este edificio tamén pode ser empregado para dar comidas a persoas de escasos recursos, despensa de banco de alimentos, etc. Trátase dunha actuación necesaria para o Concello xa que nestes momentos carece de infraestruturas adecuadas para tal finalidade.

O proxecto dadas as súas características de versatilidade para a edificación poderá dar cabida a distintas actividades comunitarias temporais ás que no seu momento sexa preciso dar soporte municipal. Esta actuación pretende ser o inicio da constitución dunha rede de base parroquial de edificacións de similares características, que dean servizo ao concello e ás súas comunidades e que se convertan pioneiras desde o punto de vista das prestacións desenvolvidas. O lugar será tamén un punto de integración e animación comunitaria.

A devandita escola xa conta con acceso rodado, abastecemento de auga potable e rede de saneamento, electricidade, alumeado público, telefonía e datos, aínda que haberá que renovar ditas instalacións. Esta edificación, que conta con 107,12 metros cadrados de superficie útil, está situada nunha parcela de 729,00 metros cadrados. A planta baixa presenta un espazo completamente diáfano no que se desenvolvían as clases escolares, mentres que na planta alta estaba destinada a vivenda, xa que no seu momento alí residía o/a mestre/a da escola. Esta edificación atópase nun estado aceptable desde o punto de vista estrutural, pero desde o punto de vista construtivo está bastante deteriorada polo que é necesario realizar unha actuación integral de rehabilitación e adaptala ao novo uso.

Espazo aberto cun uso multidisciplinar
O proxecto de actuación recolle a demolición dos tabiques existentes no interior do local. Unha vez realizadas ditas tarefas habilitarase na planta baixa unha zona de estancia aberta. Vai a ser un espazo aberto cun uso multidisciplinar e poderase usar como local social e como estancia da propia vivenda (comedor e cociña). Este uso farase a través da colocación de elementos de mobiliario e de separación desmontables e que se poidan apilar, de xeito que o espazo poida ser reconfigurado en función das necesidades dos usuarios/as.

A estancia da planta baixa estará divida mediante unha gran cortina para permitir a máxima flexibilidade do espazo proxectado. O espazo habilitado para cociña terá a característica de poder recibir catering, no caso de que a comida non poida ser elaborada polos seus usuarios/as. Tamén se habilitará un lugar para almacenaxe do mobiliario co fin de garantir a máxima flexibilidade do espazo e un un aseo accesible.

Na planta alta executaranse dous dormitorios dobres, dous baños completos e as comunicacións e elementos de almacenaxe necesarios. A disposición de liteiras permitirá o aloxamento dun máximo de dez persoas nestas instalacións. Asemade, haberá que acometer neste edificio a instalación da rede eléctrica, fontanería (auga fría e quente), saneamento (pluviais e fecais), telefonía e telecomunicacións e iluminación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925