Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames organiza unha campaña para informar á veciñanza sobre os perigos do amianto

[12-10-2017] Desde o ano 2002, a comercialización ou instalación de elementos con amianto está prohibida en España. Porén, este material aínda se pode atopar en numerosos recubrimentos de fachadas con uralita, así como en canalizacións de auga, chemineas ou caldeiras, entre outros elementos. O Concello de Ames vén de pór en marcha unha campaña de concienciación sobre os perigos deste material altamente contaminante, que se considera canceríxeno.

O amianto é un material que se empregou amplamente na década dos 60 e dos 80, sobre todo na construción, debido ao seu baixo custe e as súas propiedades illantes e de resistencia ao lume. Pódese atopar, aínda hoxe, en numerosos recubrimentos de fachadas con uralita, aínda que non só, xa que tamén pode estar presente en outros elementos como chemineas ou caldeiras. Por este motivo, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, vén organizar unha campaña de concienciación entre a veciñanza.

Este material non representa ningún risco para a saúde, cando está en bo estado. Non así cando está fracturado ou erosionado, xa que emite fibras de amianto que as persoas poden inhalar sen percibilo. A campaña do Concello busca informar á cidadanía sobre os seus perigos, ao tempo que difunde as pautas marcadas polo Real Decreto 396/2006, que establece as directrices que se deben seguir nos traballos con presenza de amianto, así como na retirada de materias que o conteñan. 

Debido ao seu contido altamente contaminante, o Real Decreto determina que a retirada de elementos con amianto só pode ser realizada por profesionais rexistrados no RERA (o Rexistro de Empresas con Risco por Amianto). Ademais, establece que para tirar ou eliminar residuos que conteñan este material é obrigatorio contar cun Xestor de Residuos Autorizado. 

Os perigos do amianto
O amianto é considerado un material canceríxeno. Como as súas fibras non se poden percibir polos sentidos, as persoas poden inhalalas sen decatarse. A súa inhalación está relacionada coa aparición de doenzas graves, como cancro de pulmón, mesotelioma ou asbestose, entre outras. Como en España está prohibido desde o 2002, as novas construcións non poden contelo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925