Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Remata o curso de...


Remata o curso de primeiros auxilios na natureza no que participaron 20 mozos e mozas de Ames

[12-10-2017] O pasado luns, 9 de outubro, rematou o curso de primeiros auxilios na natureza no que participou un grupo de 20 persoas. Esta actividade, que estivo organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ames (OMIX), estivo composta de sete sesións que se desenvolveron na sala de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns. Foi a primeira vez que se impartiu este curso en Ames, a través do cal os/as participantes aprenderon os contidos básicos sobre primeiros auxilios no medio natural. Á clausura e entrega de diplomas acudiu a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, e o presidente comarcal de Cruz Vermella Santiago, José Luís Barreiro Conde.

Esta semana chegou ao seu fin a primeira edición do curso de primeiros auxilios na natureza que se desenvolveu no concello de Ames. Na última xornada a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, e o presidente comarcal de Cruz Vermella Santiago, José Luís Barreiro Conde, entregáronlle aos 20 participantes un diploma que acredita o correcto aproveitamento desta actividade. Silvia Dapena e José Luís Barreiro destacaron a importancia de seguir traballando e ofrecendo oportunidades formativas para a mocidade. Tamén agradeceron a participación de todo o alumnado.

Pola súa parte, os participantes aproveitaron a ocasión para aplaudir a posta en marcha desta iniciativa e demandar novos cursos formativos para os vindeiros meses. Ademais, os asistentes fixeron chegar ao persoal do Concello e máis ao docente o seu interese por este tipo de formación, ao considerala moi valiosa na aplicación de distintas disciplinas relacionas co traballo directo con persoas como, por exemplo, a prevención no medio ambiente, o turismo ou animación socio-cultural.

Ao longo de sete xornadas o alumnado recibiu unha formación básica que abarcou dende a intervención fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos, ata o mantemento do soporte vital básico e a inmobilización de persoas enfermas ou feridas. As clases do curso decorreron dunha maneira eminentemente práctica, que incluíron unha exposición por parte do docente intercalada de interaccións co alumnado e de simulacións, nas que se traballaron, entre outros temas, a posición de seguridade e os primeiros pasos a dar fronte unha situación de emerxencia que require a aplicación de primeiros auxilios.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925