Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Nuno Costa e Paula...


Nuno Costa e Paula Mayobre gañan a proba absoluta da XVIII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

[23-10-2017] Máis de 1.300 persoas participaron na décimo oitava edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, que tivo lugar este domingo, 22 de outubro. Na proba absoluta participaron unhas 500 persoas, mentres que na proba escolar correron arredor de 800 rapazas e rapaces. Na proba absoluta impuxéronse Nuno Costa e Paula Mayobre cun tempo de 30:28 e 35:53 respectivamente. A carreira pedestre disputouse nun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, que discorreu pola contorna de Bertamiráns. A proba estaba incluída no V Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A saída e a chegada estiveron instaladas na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello.


A localidade de Bertamiráns volveu acoller este domingo, 22 de outubro, unha nova edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, cuxa saída e chegada estivo situada na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. A proba contou coa participación de máis de 1.300 persoas: arredor de 800 nenas e nenos das categorías pitufa/o, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, inscritas e inscritos na carreira escolar, e 515 persoas adultas repartidas entre as categorías xuvenil, júnior, promesa, sénior e veterana/o. O circuíto da proba absoluta foi homologado na distancia de 10km pola Real Federación Española de Atletismo. 

Nesta edición, os gañadores absolutos da carreira foron Nuno Costa, na categoría masculina, cun tempo de 30:20, e Paula Mayobre, na categoría feminina, cun tempo de 35:53. Nuno Costa, atleta portugués afincado en Sigüeiro, é o actual gañador da carreira pedestre popular de Santiago de Compostela (un título que tentará volver a conseguir o vindeiro 29 de outubro). Pola súa banda, Paula Mayobre foi a gañadora da carreira pedestre de Ames do ano pasado, polo que vén de revalidar o título logrado no 2016.

No segundo posto da categoría masculina quedou Victor Riobó, mentres que o terceiro posto foi parar a Miguel Penedo. Na categoría feminina, Edymar Brea foi a segunda en chegar á meta, mentres que Marinela Mayo quedou terceira. Premendo na seguinte ligazón, poderase consultar o posto que acadou cada unha das persoas participantes http://emesports.es/event/xviii-carreira-pedestre-popular-concello-de-ames/


A carreira pedestre popular comezou, para as corredoras e corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil, ás 10:30 horas. Posteriormente, ás 12:00h, tivo lugar a proba da categoría pitufa/o, de rapazas e rapaces nados no ano 2013 e posteriores (200 metros), á que lle seguiron as dos grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros) e infantís e cadetes (2.000 metros), de nenas e nenos nados entre os anos 2002 e 2012.

Unha vez rematadas as carreiras, procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado nos exteriores da Casa do Concello. Recibiron galardóns as tres primeiras persoas clasificadas en cada categoría, masculino e feminino. Alén diso, na proba absoluta recibiron trofeo as tres primeiras persoas clasificadas, masculino e feminino, empadroadas no Concello de Ames. Para as cinco primeiras da proba popular, houbo premios en metálico que ían dos 300 aos 50 euros (no total foron repartidos 1.450€). O control da carreira correu a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo da delegación de Santiago de Compostela. 

Organizada polo propio Concello en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, a proba pertence ao V Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboraron outras entidades como a Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a cafetaría Don Budi, as empresas Gadis, Serviplus, Los Ángeles Gas e GST Telecomunicacións e o Banco Sabadell. Os clubs de atletismo de Ames (Millaraio, Sar e Bertamiráns) tamén participaron da organización deste evento deportivo. Ademais, a Policía Local de Ames organizou un operativo especial, no que colaboraron o club ciclista Os Esfola Arrós e a Agrupación de Protección Civil de Ames. Asemade, a Asociación Española contra o Cancro (AECC) tamén estivo presente cunha mesa informativa. Por mor da conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mama, o Concello de Ames fixo entrega, xunto cos dorsais, dunhas chapas.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925