Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A empresa Os Ventos...


A empresa Os Ventos sae adxudicataria da xestión e organización de actividades formativas na Aula Cemit

[26-10-2017] O Concello de Ames vén de asinar un contrato coa empresa Os Ventos, para a xestión e impartición de actividades formativas na Aula Cemit, após o proceso de licitación aberto desde o Concello. Cunha vixencia de dous anos, o novo contrato procura ofrecer, á poboación amesá, un amplo programa de cursos, formacións e xornadas, que fagan da Aula Cemit un punto de encontro e innovación en Ames. Ao longo do ano, realizaranse, entre outros, cursos de manexo de LibreOffice Writer e Impress, de ferramentas ofimáticas de Google, de dispositivos de control parental e de mecanografía.

O novo contrato entre o Concello de Ames e a empresa Os Ventos, para a xestión e impartición de actividades formativas na Aula Cemit, persigue varios obxectivos. Por unha banda, busca ofrecer á poboación amesá un sitio de referencia, nun horario adaptado, no que a veciñanza poida aproveitar todo o que se ofrece na Aula. Pola outra, está orientado á organización dun programa completo de xornadas, cursos e charlas, que tornen a Aula nun punto de encontro e innovación, situándoa como unha das aulas de referencia do programa de Aulas Cemit de AmTeGa.

Ao longo dos últimos cinco meses, nos que a empresa Os Ventos xestionou a Aula a través dun contrato menor, puxéronse en marcha diferentes cursos, tanto de capacitación dixital avanzada como de alfabetización básica. Os primeiros versaron sobre busca de emprego na rede, manexo de redes sociais, navegación na internet, xestión da imaxe, audio e video, ofimática e capacitación avanzada. As actividades de alfabetización básica abordaron unha formación dixital básica, tanto en computador como en dispositivo móbil. Neste período, tamén se organizaron algunhas charlas de carácter formativo, sobre o CODIX e o exame EMA de teleformación. De igual maneira, os primeiros luns de cada mes tivo lugar unha videoconferencia emitida desde a Escola Galega de Consumo. 

Ata o de agora, o horario de apertura da Aula Cemit foi de 7 horas diarias, que se foron adaptando segundo as necesidades e demandas detectadas en cada momento. Polo xeral, a Aula permaneceu aberta tres horas e media pola mañá e tres horas e media pola tarde. 

Este novo contrato implica algunhas mudanzas na xestión da Aula Cemit, como por exemplo cambios no horario. Das anteriores sete horas de apertura, pásanse ás 6 diarias, mais mantendo unha grande flexibilidade de horario, sendo este ampliado en momentos puntuais, de maneira que todos os días exista programación de Aula aberta e cursos formativos, aínda que se produza unha actividade “excepcional”. O horario tamén será alongado en pontes e festivos, datas nas que a Aula Cemit acostuma ter unha maior afluencia. O balance do último ano de traballo na Aula CEMIT é moi positivo, cun incremento de usuarias e usuarios tanto en novas altas como en cursos específicos.

Unha programación formativa moi completa
O contrato coa empresa Os Ventos inclúe unha proposta de cursos, que abranguen os obradoiros de LibreOffice Writer e LibreOffice Impress, de ferramentas ofimáticas de Google, de dispositivos de control parental, de mecanografía e de realización da declaración da renda online. Asemade, a empresa tamén concibe a realización de diferentes actividades estacionais. No verán, proponse a realización dun obradoiro de GIMP, de edición de imaxe e son, de programación en Scratch e de iniciación á informática.

As actividades pensadas para a época natalicia son un obradoiros de GIMP, outro de postais de Nadal con Scratch e un terceiro de xogos informáticos. Durante o Samaín e o Entroido, pénsanse organizar xogos informáticos sobre estas temáticas, talleres de creación de caretas cun editor de imaxes e obradoiros de GIMP. Haberá cursos destinados tanto para persoas adultas como para crianzas. 

Formación especial para a entrega de documentación en formato dixital
O Concello vai a ofrecer na vindeira semana dous cursos de formación para asociacións e entidades locais sobre a presentación de documentación en formato dixital. Estas xornadas xorden como consecuencia da aplicación das Leis 39 e 40, de recente aprobación, e pola que todas as entidades e empresas deben entregar a documentación por rexistro en formato dixital. Esta formación tamén permitirá coñecer con detalle os mecanismos habilitados para a solicitude do DNI electrónico ou do certificado dixital, así como a súa utilización no procedemento electrónico do Concello de Ames no portal web. Con isto preténdese facilitar á veciñanza a presentación da documentación e atender ás demandas que xa foron realizadas por parte dalgún colectivo.

Para o alcalde e concelleiro de novas tecnoloxías, José Miñones, "o Concello está a cumprir as novas normativas en materia de Administración electrónica, realizando un grande esforzo co obxectivo de simplificar procedementos e apostando claramente pola eliminación do papel e pola protección do medio ambiente”. Miñones afirma que “adaptarse ás novas tecnoloxías xa non ten marcha atrás, que é algo que precisa da implicación de todas e todos e que por parte do Concello o compromiso é firme despois de anos de ambigüedade".

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925