Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Récord de...


Récord de inscricións nas Escolas Deportivas de Ames con máis de 2.000 persoas usuarias

[28-10-2017] O Concello de Ames vén de ampliar o número de grupos das actividades de patinaxe, ximnasia de mantemento, ximnasia rítmica, spinning e xadrez. A ampliación débese ao aumento progresivo, ano tras ano, do número de inscricións nas Escolas, que alcanzou este curso as 2.347. Neste novo curso, están a ser empregadas nove instalacións deportivas diferentes: os dous pavillóns municipais, os dous dos CEIP de Barouta e o CEIP Agro do Muíño, as dependencias dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro, o anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns, os locais sociais de Biduído, Agrón e Tapia e a sala do espazo de usos múltiples de Aldea Nova. Ademais, está contemplada a construción de novas instalacións deportivas anexas aos dous pavillóns municipais. O goberno municipal de Ames materializa, deste xeito, a súa aposta polo práctica deportiva e os hábitos de vida saudables.

O curso 2017- 2018 será o do deporte no concello de Ames, debido ás máis de 2.000 persoas inscritas nas Escolas Deportivas municipais. Con respecto ao ano anterior, o número de inscrición experimentou un aumento dun 4,1%, pasando das 2.251 no curso 2016-2017, ás 2.347 deste ano. Finalmente, o número de persoas que atopou unha praza foi de 1.951, quedando na lista de espera un total de 389 veciñas e veciños, o que supón o 16,6% do total. Unha cifra que mellora a do ano pasado, no que case o 20% das persoas inscritas non obtiveron praza.

A mellora das cifras débese á aposta do goberno municipal pola práctica deportiva e os hábitos saudables, materializada na reorganización dos grupos existentes, encamiñada á creación de novos grupos naquelas disciplinas máis demandadas, nomeadamente patinaxe, ximnasia de mantemento, ximnasia rítmica, spinning e xadrez. O novo curso de patinaxe, nivel iniciación, creouse no Milladoiro e terá unha clase semanal, que se estenderá a dúas o vindeiro ano. A ximnasia de mantemento, pola súa banda, conta cun novo grupo na parroquia de Agrón, estendendo, deste xeito, a actividade ao rural. Spinning tamén viu a súa oferta ampliada, coa creación dun novo grupo de mañá. Estes novos grupos permitiron reducir, de forma considerable, as listas de agarda.

No tocante á distribución dos grupos, a actividade de patinaxe, pertencente ao apartado de Formación deportiva, é a que volve presentar un maior número de inscricións, superando as máis de 280 persoas usuarias. O tenis é a segunda das actividades en número de inscricións, aglutinando cerca de 136 rapazas e rapaces. Das actividades dirixidas a persoas maiores de 14 anos, a actividade estrela continúa a ser, un ano máis, pilates, con máis de 315 usuarias e usuarios. A actividade de aerozumba, pola súa banda, é outra das máis populares entre a veciñanza amesá, presentando máis de 200 inscricións.

Con respecto ao ano anterior, as actividades que experimentaron un maior aumento da demanda foron ximnasia de mantemento, cun incremento do 20%, e spinning, cun aumento do 23%. No referente ás actividades orientadas á mocidade, aquelas cun aumento maior foron tenis, xadrez e patinaxe. Nove instalacións deportivas acollen as actividades municipais
Neste novo curso, o número de instalacións deportivas empregadas será de nove: aos dous pavillóns municipais súmanselle os dos CEIP de Barouta e o CEIP Agro do Muíño, as dependencias dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro, o anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns, os locais sociais de Biduído, Agrón e Tapia e a sala do espazo de usos múltiples de Aldea Nova. O uso das grandes instalacións estará un ano máis ao completo, ao combinárense as actividades das escolas coas dos clubs deportivos de Ames. Deste xeito, os pavillóns e pistas cubertas estarán ocupados algúns dos días da semana, en horario de 16:00h a 23:00h, e os sábados en horario de mañá.

Un futuro orientado á práctica do deporte
A próxima construción das novas instalacións deportivas anexas aos dous pavillóns municipais permitirá, que ao longo do curso, se poidan incrementar algúns dos grupos de actividades do Ponte en Forma, trasladándoos a estas novas dependencias. Estes novos espazos tamén permitirán recompoñer algunhas actividades, incrementando o número de usuarias e usuarios en determinados grupos con lista de agarda.

Da mesma maneira, o goberno municipal tamén incrementará, para o vindeiro ano, o número de actividades, que se poidan levar a cabo nestes espazos. Será o caso de ioga, crossfit ou step, así como doutros deportes de raqueta como o squash ou o padel -actividades que están a ser demandadas pola veciñanza do concello-. O goberno municipal levará, por este motivo, unha proposta ao Consello Municipal de Deportes de cara á incorporación destas actividades nos programas municipais. Da mesma forma, tamén se fará unha proposta de modificación das taxas correspondes. Estas medidas procuran incrementar o número e a calidade das Escolas Deportivas municipais.

O alcalde e concelleiro de deportes, José Miñones, ten solicitoulle recentemente á Xunta de Galicia o cofinanciamento da construción dun novo pavillón, que permita desconxestionar as instalacións actuais. “A poboación de Ames medra día a día, polo que necesitamos infraestruturas que nos permitan ofrecer os mellores servizos e materializar a nosa aposta polos hábitos saudables. Cremos que as instalacións deportivas son a mellor maneira de investimento para a nosa poboación”, afirmou Miñones.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925