Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O alumnado inscrito...


O alumnado inscrito no VII Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames participa nunha xornada de formación conxunta no Pazo da Peregrina

[30-10-2017] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu este luns, 30 de outubro, unha xornada formativa para todo o alumnado inscrito no sétimo Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!!! O vindeiro 7 novembro, o alumnado poderá perfeccionar as súas pezas noutra sesión formativa, que se realizará nos propios centros e na que se abordarán claves de locución e interpretación. A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 20 e o 30 de novembro nas seguintes franxas horarias: das 13:30h ás 14:30h e das 19:00 ás 20:00h (de luns a venres). As pezas tamén estarán dispoñibles durante estas datas na sección de Avisos da páxina web municipal.


A xornada formativa desenvolvida este luns, 30 de outubro, tivo como obxectivo introducir ao alumnado participante no mundo do teatro radiofónico. Nunha primeira parte, o alumando analizou e comentou diferentes pezas radiofónicas de teatro, tanto da Radio Galega como de edicións anteriores do Concurso de Teatro Lido de Ames. Nunha segunda parte, comezouse a traballar sobre o guión, escollendo o tema de cada grupo e abordando pautas de guionización.

Nesta sétima edición do Desata a Lingua!!! participan 16 grupos, 9 do IES de Ames e 7 do IES de Milladoiro, que no total suman 47 alumnas e alumnos. O vindeiro 7 de novembro, terá lugar unha segunda sesión formativa, nos centros de ensino, para o perfeccionamento das pezas. Nela, abordaranse técnicas de locución e interpretación. Posteriormente, os grupos participantes realizarán a gravación e montaxe das pezas nas instalacións da radio municipal de Ames, os días 13, 16 e 17 de novembro. 

A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 20 e o 30 de novembro, nas seguintes franxas horarias: das 13:30h ás 14:30h e das 19:00h ás 20:00h (de luns a venres). Nestas datas, as pezas tamén estarán dispoñibles na sección de Avisos da páxina web municipal. A participación no concurso implica a autorización para estas emisións e a cesión a favor do Concello de Ames dos dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. Aos grupos participantes facilitaráselles unha copia da súa peza.


Acto público de entrega de premios
No total, entregaranse tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal será a encargada de escoller, entre as pezas emitidas, a obra que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 20 de novembro e 1 de decembro, ambos incluídos, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452. As persoas que queiran votar terán que identificarse. Só se computará un voto por persoa.

Alén deste, haberá outros dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Este ano, igual que na edición anterior, os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 20 de decembro. Á gala asistirá todo o alumando participante. 


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925