Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A obra O Medo Meu...


A obra O Medo Meu será representada este venres dentro da XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames

[08-11-2017] O venres, 10 de novembro, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 21:00 horas, a representación da obra “O medo meu”, do grupo Catre Teatro da asociación cultural Alende, das Pontes de García Rodríguez. A peza, que se encadra dentro da XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, é unha traxicomedia que xira arredor das persoas e dos seus medos. O vindeiro 17 de novembro, terá lugar a última das representacións da Mostra: O Enmeigado, do grupo municipal de teatro de Ames. A XII Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura.

A Mostra de Teatro Afeccionado de Ames acolle unha nova representación este venres, 10 de novembro: “O medo meu”, do grupo de creación colectiva Catre Teatro, da asociación cultural Alende. A función será ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A dirección e adaptación da obra, cuxa duración é de 50 minutos, correu a cargo de Agustín Bolaños. A peza é unha traxicomedia que xira arredor das persoas e dos seus medos. “O medo meu” mostra como as persoas vivimos e lidamos co medo, unha parte de nós que acostumamos agachar.

“A Corda”, do grupo The Puntillas Teatro de Santa Comba, inaugurou a XII Mostra de Teatro de Ames o pasado 20 de outubro. A peza, cuxa dirección e adaptación foi un traballo de Xan Martínez, baseouse nunha versión libre do filme A Soga de Alfred Hitchock. O 3 de novembro, tivo lugar a representación da obra “Shakespeare para todos”, cuxas actrices e actores pertencían ao grupo teatral da asociación Andaina Pro Saúde Mental. Fran Rei foi o encargado de dirixir e adaptar esta peza que abordou, dunha maneira libre, dúas das obras do dramaturgo inglés William Shakespeare: os enredos románticos de Romeo e Xulieta e as aventuras do Mercader de Venecia. 

O vindeiro 17 de novembro, será representada a última das obras encadradas nesta edición da Mostra de Teatro Afeccionado. Ese día, o grupo municipal de teatro de Ames interpretará “O Enmeigado”. Unha obra de Ramón María del Valle-Inclán, na que se deseña un retrato descarnado da sociedade onde a miseria das desposuídas busca, por veces, camiños revirados para gañar o pan. Mónica Caamaño foi a responsable da dirección e adaptación da peza.

A Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura. A entrada das obras, que están dirixidas a un público adulto, é libre e gratuíta.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925