Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal...


O goberno municipal inviste preto de 100.000 euros na construción dun ximnasio e dunha pista de squash cuberta no pavillón de Bertamiráns

[11-11-2017] A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar de forma definitiva o proxecto que recolle a construción dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta no pavillón de Bertamiráns. Esta obra foi adxudicada á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por un importe de 97.795,32 euros (IVE incluído). Asemade, estase ampliando o pavillón municipal do Milladoiro coa construción dunha nova sala-ximnasio que ten un custo 58.145,80 euros. Estas actuacións enmárcanse dentro do plan de mellora e ampliación das instalacións municipais deportivas que está executando o goberno municipal.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “durante este mes comezarán as obras de ampliación do pavillón de Bertamiráns para dotalo dun novo ximnasio e dunha pista de squash cuberta. A través desta actuación preténdese dotar de maior número de espazos deportivos ao concello. En Ames contamos cun dos mellores xogadores de squash a nivel mundial como é Borja Golán, quince veces gañador de España e campión de Europa en 2016. Ademais, este ano conseguiu o terceiro posto no campionato de Europa. Deste xeito, queremos aproveitar a experiencia deste ilustre veciño para fomentar a práctica do squash en Ames”.

A pista de squash que se construirá no pavillón polideportivo de Bertamiráns será a primeira pista municipal onde se poderá practicar esta modalidade deportiva. Coa construción desta instalación preténdese promocionar este deporte dentro da área de influencia de Bertamiráns, despois do acordo adoptado coa Federación Galega de Squash. Asemade, esta pista vaise aproveitar nun futuro próximo para incorporar o squash nas escolas deportivas municipais.

Por outra banda, o ximnasio permitirá o desenvolvemento de numerosas actividades como aerozumba, ximnasia, ballet, predeporte e pilates, podendo incrementar o número de usuarios e usuarias nestas modalidades deportivas. Ademais, estudarase a posibilidade de adquirir o equipamento necesario para incorporar a actividade de spinning en Bertamiráns, moi demandada pola veciñanza.

A nova pista de squash e mailo novo ximnasio construiranse de forma anexa ao actual pavillón municipal. O proxecto recolle a construción dun espazo de 206,54 metros cadrados dos cales a superficie útil será de 164,73 metros cadrados. A pista de squash contará con 62,40 metros cadrados, mentres que o ximnasio dispoñerá dunha superficie de 102,33 metros cadrados. Ademais, o goberno municipal solicitou a colaboración da Xunta de Galicia nunha reunión recente mantida coa Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, para ampliar o devandito pavillón e dotalo dunha nova pista polideportiva. Incremento do investimento en deporte
Tamén hai que destacar que está en marcha a obra de ampliación do pavillón do Milladoiro onde se está construíndo un novo ximnasio. Tratase dunha obra sufragada a través dunha subvención nominativa que o Concello de Ames conseguiu da Deputación da Coruña. Ademais, o Concello investirá 50.000 euros de fondos propios para executar unha nova pista polideportiva preto da urbanización Agro do Muíño (ao carón do CEIP) e na reforma da pista polideportiva existente na urbanización de Ames Mimosas (Biduído).

Ampliación do pavillón do Milladoiro
Cómpre lembrar que a Xunta de Goberno Local adxudicou o pasado día 5 de outubro a obra de ampliación do pavillón municipal de deportes do Milladoiro á empresa Actividades de Construcción Edificación y Viales SL (ACEVI SL), por un importe de 58.145,80 euros (IVE incluído). Este proxecto recolle a ampliación en 180 metros cadrados do pavillón do Milladoiro co obxectivo de executar unha nova sala-ximnasio. A ampliación terá unha planta rectangular, de dimensións de 10x18 metros, cun dos pechamentos xa construídos ao estar anexado ao edificio existente. Ao igual que no caso de Bertamiráns, este novo espazo permitirá o desenvolvemento de actividades que agora realízanse na Casa da Cultura ou mesmo no IES.

Plan de investimentos municipal
Todas as actuacións en investimentos de infraestruturas deportivas que se están a realizar ao longo destes meses veñen reflectidas nun plan de infraestruturas deportivas que o goberno ten deseñado e cuxo borrador atópase na última fase de elaboración. "O investimento en deporte é para o goberno investimento en saúde e benestar, e de aí a forte aposta realizada", finaliza dicindo Miñones.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925