Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Aberto o prazo de...


Aberto o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil

[10-11-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas, para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2017-2018). O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de decembro. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros, sendo de 120€ o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo no enlace que está á dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.

A convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar está dirixida ao alumando do segundo ciclo de educación infantil (dos 3 aos 5 anos), dos centros de ensino sostidos con fondos públicos. Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo de 2017 ata o último día do prazo de presentación de solicitudes, o 9 de novembro.

As unidades familiares solicitantes deberán estar empadroadas e residir de maneira efectiva no Concello de Ames no momento da solicitude. Outro dos requisitos que se debe cumprir é que as nenas e nenos, para os que se solicita a axuda, deben estar matriculados no curso escolar 2017/2018 en centros de ensino sostidos con fondos públicos, no segundo ciclo de educación infantil. De igual maneira, a renda per cápita de cada unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todas as persoas integrantes no exercicio 2016, non debe ser superior ao 100% do IPREM anual con pagas extras, fixado para o exercicio 2016 na cantidade de 7.455,14€.

As familias cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de 120 euros euros por nena ou neno, as que perciban unha renda per cápita de entre o 50% e o 75% do IPREM recibirán 100 euros e, por último, as que conten cunha renda per cápita situada entre o 75% e o 100% do IMPREM recibirán 80€. 

Presentación de solicitudes
As solicitudes poden ser presentadas tanto no rexistro xeral da Casa do Concello ou do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, como nas oficinas municipais no Milladoiro. As solicitudes tamén se poden presentar a través do rexistro telemático na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). O prazo de presentación de solicitudes, que xa está aberto, rematará o vindeiro 9 de decembro. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476, do departamento municipal de Educación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925