Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames anima a toda a veciñanza a amosar a youtubeir@ que leva dentro

[30-11-2017] O persoal técnico de Normalización Lingüística do Concello de Ames participou este xoves, 30 de novembro, na presentación da segunda edición do proxecto Youtubeir@s. Baixo o lema “Mostra @ Youtubeir@ que levas dentro”, esta iniciativa busca promover, novamente, o uso do galego en Youtube, a través dun certame, campañas de difusión e cursos de formación. Alén do Concello de Ames, tamén participan desta iniciativa outros Concellos como o da Baña, Ourense ou Pontevedra, así como as tres Universidades galegas e a Deputación da Coruña.


O Concello de Ames volve facer parte do proxecto Youtubeir@s, que lanza a súa segunda edición coa vontade de promover e de lle dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube. A iniciativa, organizada polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña, pretende fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego de youtuberi@s. 

Dentro deste proxecto, recóllense varias liñas de acción que van desde campañas de incentivación do uso do galego a través da citada plataforma ata a formación de youtubeiras e youtubeiros, incluíndo tamén unha ampla actividade nas redes sociais co obxectivo de xerar comunidade e a convocatoria dos Premios Youtubeir@s. Á presentación desta segunda edición do Youtubeir@s, que tivo lugar esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, asistiron as técnicas de Normalización Lingüística do Concello de Ames. 

Premios Youtubeir@s
Nos Premios Youtubeir@s poderán participar todas aquelas persoas maiores de 14 anos interesadas, a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame divídese, nesta edición, nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público.

O galardón do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano, xa que as persoas usuarias da rede social Facebook poderán propor, a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s, un vídeo do que sexan seareiras ou seareiros, incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. Os premios serán entregados o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña, no que o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores. 

Formación e festivais
O proxecto Youtubeir@s incluirá diferentes programas formativos que se desenvolverán nos concellos e nas universidades organizadoras. Os obradoiros serán impartidos pola produtora Illa Bufarda e farán fincapé nas persoas maiores de 50 anos non familiarizadas coas novas tecnoloxías. Ademais, Youtubeir@s estará presente en eventos culturais galegos como son o Culturgal (no que se realizará unha presentación pública cunha conversa con youtubeiras e youtubeiros, este sábado, 2 de decembro, ás 13.00 horas no Espazo Foro) e en festivais relacionados coa creación audiovisual e dixital, co obxectivo de crear sinerxias para a programación de contidos youtubeiros en galego.  O vídeo promocional desta segunda edición pódese ver no seguinte enlace https://www.youtube.com/watch?v=T1hQxcfqisc











Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925