Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os Concellos de Ames,...


Os Concellos de Ames, Santiago e Teo impulsarán unha mancomunidade para a xestión do patrimonio arqueolóxico do val da Maía

[02-12-2017] O Concello de Ames acolleu a primeira xuntanza comarcal para impulsar a arte rupestre no val da Maía. Participaron do encontro os responsables dos departamentos de Patrimonio dos concellos de Ames, David Santomil, Santiago de Compostela, Jorge Duarte e Teo, Pilar Faxil, xunto co deputado provincial Xosé Regueira. A finalidade é constituír un plan comarcal de ámbito supramunicipal entre os tres concellos e solicitar financiamento á Deputación da Coruña, para o que se estableceu un calendario de xuntanzas entre todas as partes implicadas para avanzar na constitución dunha mancomunidade no ámbito arqueolóxico e do patrimonio cultural.


Os concellos de Ames, Santiago e Teo constitúen unha área arqueolóxica das más importantes de Galicia, xa non só pola abundancia, senón pola calidade e conservación dos petróglifos. Actualmente pódense contar máis de cen xacementos entre os tres municipios no val da Maía e a contorna fluvial do río Sar. No caso de Ames, o concello conta con verdadeiras xoias arqueolóxicas, con petróglifos como o de Oca, ou a Nave, situada en Mourigade na parroquia de Bugallido, a Peneda Negra, no lugar do Lombao ou o petróglifo de Monte Castelo, redescuberto fai dous anos.

A riqueza arqueolóxica e patrimonial dos concellos de Ames, Santiago e Teo levou aos responsables das áreas de Patrimonio a establecer un calendario de xuntanzas para levar a bo porto a constitución dunha mancomunidade nese ámbito, da que resulte a elaboración dun plan director comarcal para o que solicitarán o financiamento da Deputación da Coruña.

O concello de Ames tamén quere agradecer ao colectivo A Rula o traballo que están a desenvolver para poñer en valor esta área rupestre, así como a proposta presentada para agrupar aos tres concellos neste proxecto.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925