Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Festival Cinema...


O Festival Cinema Crianza presentou o seu programa completo no Culturgal

[04-12-2017] O sábado, 2 de decembro, presentouse na Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, o programa completo do Festival Internacional de Cine Infantil Cinema Crianza. Na presentación, participaron o concelleiro de Educación e Cultura do Concello de Ames, David Santomil; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o director artístico do certame, Marcos Nine; e a coordinadora e socia da cooperativa cultural Urdime, Cristina Fiaño.


A décima edición do Culturgal, que se celebrou este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra, acolleu a presentación do programa completo do Festival Cinema Crianza, o cal tamén xa está dispoñible na páxina web do certame. Alén diso, tamén se revelaron algunhas novidades do festival, como que as curtametraxes estarán agrupadas en sesións, atendendo á temática dos filmes, así como á idade recomendada dos mesmos.

Outra das novidades é que o festival se inaugurará cunha sesión para crianzas e maiores na que se proxectarán traballos de Lotte Reiniger. Unha cineasta alemá, que comezou a súa carreira aló polo 1916 e que é considerada unha das pioneira no arte do cinema de animación, polas súas personaxes realizadas mediante siluetas e polos xogos de luces e sombras. De Reiniger poderase ver unha escolma de contos clásicos, como Cincenta e Pulgariña.

Curtas a concurso: “Axóuxeres” e “Buxainas”
Boa parte das sesións conteñen curtametraxes a concurso. Das miles de pezas recibidas dende os cinco continentes durante os meses de agosto a outubro, foron seleccionadas, no total, 70 curtametraxes que competirán na sección “Axóuxeres”, pezas para nenas e nenos ata 3 anos, e “Buxainas”, para crianzas de máis de 3. Na selección das pezas tívose en conta o seu potencial para fomentar nos nenos e mozas o espírito crítico sobre temas sociais ou culturais, así como a súa capacidade para cultivar o seu criterio audiovisual, ofrecendo primeiras experiencias diversas e de calidade.

Na sección competitiva “Axóuxeres” atoparémonos con sesións como “Pequenas criaturiñas”, trinta minutos de grandes historias, contadas mediante música e cores, concibidas para deixar coa boca aberta a bebés dende os 0 anos. As curtas da sesión “Querido planeta” competirán tamén polo premio “Axóuxeres”, esta vez con relatos que chegan dende o espazo exterior ou dende recunchos pouco coñecidos do noso planeta.

Co afán de contribuír a unha mocidade comprometida, proxectaranse as curtas “Brotes verdes” coas que, ademais de pasar unha tarde divertida, as crianzas aprenderán sobre os riscos da contaminación, mergullaranse en frondosos bosques tropicais e descubrirán o inmenso valor da auga. Esta sesión, que está recomendada para rapazas e rapaces a partir dos 7 anos, competirá na sección “Buxainas”. Outra das sesión destinadas a maiores de 7 anos é “A miña familia e outros animais”, na que se explorarán as non sempre fáciles relacións entre as crianzas e as persoas adultas.

As pezas encadradas na sección “Narracións extraordinarias” tamén competirán na categoría “Buxainas”. Dirixidas a nenas e nenos maiores de 3 anos, as curtas desta sesión farán que as cativas e os cativos se encontren con seres máxicos, algúns tenebrosos, que protagonizarán historias de aventuras, reais ou imaxinarias.

Alén diso, unha das sesións máis especiais do Cinema Crianza será “Metamorfoses”, que estará orientada tanto para rapazas e rapaces maiores de 12 anos como para persoas adultas que queiran achegarse a algúns dos conflitos que se rexistran cando se aproxima a adolescencia. “Metamorfoses” retratará sentimentos e problemas a través de seis curtametraxes que xirarán arredor desta etapa da vida.

Ademais de curtas, tamén se poderá asistir á proxección de cinco películas: A casa da luz, Dwa Swiaty, (Dous mundos), Auf Augenhöhe (A nivel dos ollos), Ce n’est qu’un debut (Só é o comezo) e Minúsculos: o val das formigas perdidas.

Non só cine
Coa finalidade de amosar a produción cinematográfica feita en Galicia, ademais das curtas galegas a concurso e da longametraxe dirixida por Carlos Amil, A casa da luz, o Cinema Crianza tamén contará con dúas sesións elaboradas con curtas da produtora OQO filmes, así como cunha escolma feita con pezas do programa educativo “Cinema en curso” seleccionadas pola súa directora. Da mesma maneira, o festival contará tamén con dúas sesións nas que a música terá un papel fundamental, pois estarán compostas por unha selección de vídeos musicais de artistas da música infantil galega, entre os que se atopan nomes tan coñecidos como Paco Nogueiras, María Fumaça ou Magín Blanco, a quen se lle adicará unha sesión específica. Outras das novidades reveladas durante a presentación do festival no Culturgal foi a realización dun encontro para o intercambio de experiencias educativas relacionadas co audiovisual.

As entradas estarán á venda a partir deste xoves, 7 de decembro, na Billeteira do Concello de Ames. O prezo das sesións variará entre a entrada libre, con necesidade de retirar entrada previamente, e os 2 euros. O Cinema Crianza desenvolverase nas Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro entre o 15 e o 17 de decembro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925