Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Policía...


A Policía Local de Ames está a realizar unha campaña especial de control de alcol e drogas en condutores entre o 11 e o 17 de decembro

[11-12-2017] O Concello de Ames colabora coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) no desenvolvemento dunha campaña especial de vixilancia e control de alcol e drogas, que se está a levar a cabo desde hoxe, 11 de decembro, ata o vindeiro domingo, día 17. Por este motivo, ao longo da semana, os axentes da Policía Local de Ames realizarán diversos controis nas estradas do municipio, así como nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, os axentes proporcionarán información aos condutores sobre a necesidade de conducir sen inxerir ningún tipo de bebida alcohólica ou substancia estupefaciente. Cómpre destacar, asemade, que no mes de novembro, as tarefas de control e disciplina do tráfico, a intervención en pelexas e discusións e os controis policiais nas urbanizacións e nas zonas rurais, para evitar posibles roubos, centraron as actuacións da Policía Local de Ames.

O alcol está presente como factor desencadenante nun terzo dos accidentes mortais de tráfico. De feito, conducir baixo os efectos do alcol multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. Porén, o alcol non só está relacionado cun maior índice de accidentes, senón que tamén está vinculado a lesións máis graves. Pola súa banda, a condución despois do consumo de substancias psicoactivas é un feito bastante común no territorio español. Tanto é así, que preto dun 15% dos condutores conducen tras teren consumido algunha substancia que afecta ás capacidades necesarias para unha condución segura. Dentro destas substancias, o cannabis e a cocaína acostuman ser as máis frecuentes.

A campaña que se desenvolverá entre hoxe, 11 de decembro, e o vindeiro domingo 17, promove unha mudanza de actitudes, sendo o aumento dos controis preventivos un dos factores máis relevantes á hora de favorecer un cambio no comportamento da cidadanía nesta materia. A consecución dunha cifra inferior ao 1% nos positivos de alcoholemia detectados durante os controis preventivos é outro dos obxectivos principais da campaña. Durante os sete días que durará a campaña, posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico, a Policía Local de Ames reforzará os controis de alcol e drogas nas estradas do municipio e nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. 

Balance das actuacións policiais durante o mes de novembro
O 1 de novembro, durante a realización das tarefas de control e disciplina do tráfico durante a quenda de noite, a Policía Local de Ames deu o alto a un vehículo cuxo condutor parecía estar a circular baixo os efectos do alcol. Unha vez realizada a proba de alcoholemia, esta arroxou un resultado positivo de 0,66mg/l e 069,mg/l. Días despois, o 5 de novembro, a situación repetiuse durante a realización do control de peche de establecementos ao observar un vehículo circulando a grande velocidade pola Avenida da Maía, en Bertamiráns. Unha vez paralizado o coche e efectuada a proba de alcoholemia, comprobouse que o condutor estaba baixo os efectos do alcol, cun resultado positivo de 0,91mg/l e 0,74mg/l. Nos dous casos instruíronse as correspondentes dilixencias, enviándoas ao xulgado de garda e citando ás persoas implicadas para xuízo rápido.

Alén das actuacións ligadas ao control e vixilancia do tráfico, a Policía Local de Ames tamén tivo que realizar outras actuacións diferentes. O 12 de novembro, durante a quenda de noite, a Policía Local foi requirida por uns viandantes por mor dunha pelexa na zona de establecementos nocturnos do Pedregal. Achegados ao lugar, os axentes puideron ver como unha persoa estaba a golpear cun bate a outra, deixándoa tirada no chan. Os axentes conseguiron finalmente controlar a situación, trasladando á persoa ferida ata un centro médico. A patrulla actuante procedeu, asemade, a realizar o correspondente atestado, identificado ao agresor e á vítima e dando conta dos feitos á autoridade xudicial.

Posteriormente, os días 25 e 26 de novembro, a Policía Local desenvolveu controis de acceso ao pavillón municipal de Bertamiráns, ao ter lugar o I Trofeo Concello de Ames de Patinaxe Artística. O día 26, durante a quenda de mañá, a Policía Local tamén tivo que mediar nunha discusión que estaba a ter lugar no Milladoiro entre unha parella. Calmadas as partes, as cales aseguraron a inexistencia de malos tratos, a Policía Local verificou os feitos e abandonou o lugar sen precisar da realización dunha maior intervención.

Un día despois, o 27 de novembro, a Policía Local foi requirida por dúas persoas, que manifestaron teren unha amiga de idade avanzada, que vivía soa en Bertamiráns e que non estaba a responder as súas chamadas telefónicas. Os axentes actuantes conseguiron acceder á vivenda e localizaron á persoa en estado de inconsciencia, polo que se solicitou a actuación dunha ambulancia. A Policía Local trasladou os feitos ao xulgado de garda.

O mesmo día, o 27 de novembro durante a quenda de noite, os axentes da Policía Local de Ames foron requiridos por mor dun accidente na rúa Pedregal. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron a existencia de varios vehículos estacionados que tiñan sido golpeados por outro que circulaba por esa rúa. Após a identificación do condutor e a realización da proba de alcoholemia, comprobouse que, efectivamente, este circulaba baixo os efectos do alcol, polo que ademais do atestado do accidente, a Policía Local de Ames instruíu as correspondentes dilixencias, enviándoas ao xulgado de garda e citando á persoa para xuízo rápido. Ademais, ao longo de todo o mes de novembro, a Policía Local de Ames incrementou os controis policiais nas urbanizacións e nas zonas rurais, coa finalidade de evitar posibles roubos nestas zonas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925