Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Entréganse os...


Entréganse os premios da sétima edición do concurso de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!

[21-12-2017] A gala de entrega dos premios da VII edición do concurso de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!, tivo lugar este mércores, 20 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, e a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, foron os encargados de entregar os premios aos equipos gañadores: As Galeguísimas, Irifalia e Lois e os Loisiños. A gala estivo conducida por Isabel Risco e Fran Rei.


Catorce foron os grupos que este ano se presentaron á sétima edición do Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! O certame, que é convocado anualmente polo Concello de Ames a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación, pretende fomentar, dunha forma creativa e orixinal, o uso do galego entre a mocidade. Este mércores, 20 de decembro, tivo lugar a gala de entrega de premios que recoñeceron a mellor interpretación e o mellor guión. Na gala tamén se entregou o premio do público.

A concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, e a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, entregaron, respectivamente, os premios á mellor interpretación e ao mellor guión. O primeiro destes premios foi a parar ao equipo As Galeguísimas mentres que o segundo recaeu no grupo de nome Irifalia, ambos do IES de Ames. O grupo Lois e os Loisiños, do IES do Milladoiro, recibiu o premio do público da man do alcalde de Ames, José Miñones. O xurado desta sétima edición do concurso amesán de teatro lido estivo conformado polas actrices Isabel Risco e Marián Bañobre e polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso. A gala foi presentada por Isabel Risco e Fran Rei. 

O grupo As Galeguísimas estivo conformado polas alumnas Natane Vilas Castañón e Lorena Viñas Lafuente, quen presentaron a peza Un pesadelo marabilloso. A obra O galego cunde foi unha creación do equipo Irifalia, do que formaron parte Zulfa Muíño Vilela, Natalia Paz Peláez e Iria Núñez Filgueira. Por último, o grupo Lois e os Loisiños, que participaron do concurso coa peza Rapto Incomprensible, estivo formado por Hugo López González, Lois Santiago Subiela e Isabella Marín Restrego. O Concello de Ames repartiu no total 600 euros entre os gañadores, cunha dotación de 200 euros para cada un dos equipos premiados.

“A combinación de diversión e aprendizaxe é unha cuestión fundamental neste concurso. A elaboración dun guión orixinal, a locución e a modulación da voz, a utilización de efectos e outros recursos son cousas que xa fan parte do alumnado participante. Así mesmo, coa súa participación neste concurso as rapazas e rapaces tamén aprenderon como funciona unha radio e fixérono, ademais, na nosa lingua”, afirmou Isabel Vaquero durante a súa intervención. A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación quixo agradecer, asemade, a colaboración e dispoñibilidade do alumando e do profesorado, así como das técnicas e técnicos municipais “sen cuxo traballo non sería posible o desenvolvemento deste concurso”. 


Participación no Concurso Radiofónico de Teatro Lido 
Nesta edición do concurso de teatro lido de Ames presentáronse un total de 14 equipos, sete do IES de Ames e outros sete do IES do Milladoiro. As obras presentadas polo alumnado do IES do Milladoiro foron:Os heroes exploradoresActualidade sobre rodasAs badaladasRapto incomprensibleHistorias en negroObsesión Unha chegada tola. Pola súa banda, o IES de Ames, en Bertamiráns, presentou as obras Xa rematou, Vila Doente DarribaO dragón do pazoUn pesadelo MarabillosoAmores adolescentesO galego cunde e o Son das Cores. As pezas emitíronse entre o 20 e o 30 de novembro na emisora municipal Ames Radio, de luns a venres. Do mesmo xeito, as pezas tamén estiveron dispoñibles, durante estas datas, na sección de Avisos da páxina web do Concello. 

“Desde o Concello de Ames consideramos que este concurso é unha experiencia moi positiva para o alumnado, o que se reflicte na elevada calidade de todas as pezas presentadas. Con este concurso, que ten o nome máis longo de todos os que organiza o Concello de Ames, conseguimos achegar á mocidade ao teatro e á radio municipal, ao tempo que fomentamos o uso do galego. Vendo os resultados, o Concello continuará coa súa aposta por este certame”, manifestou o alcalde de Ames, José Miñones, durante a gala.

O concurso radiofónico de teatro lido de Ames ten como obxectivo dinamizar, dun xeito lúdico, o uso oral e escrito do galego entre a mocidade, así como fomentar o gusto polo teatro e achegar ás mozas e mozos á radio municipal. A actividade, que é organizada anualmente polos departamentos de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade, estivo dirixida ao alumnado matriculado en calquera dos cursos da ESO dos centros de ensino de Ames. Con anterioridade á gravación das pezas, o alumnado participante asistiu a dúas xornadas de formación. A primeira delas foi conxunta e tivo lugar no Pazo da Peregrina, mentres que a segunda se desenvolveu en cada un dos centros de ensino co obxectivo de que cada grupo perfeccionase a súa propia peza.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925