Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O goberno municipal...


O goberno municipal preséntalle á veciñanza de Aldea Nova a segunda fase do Plan de prevención de incendios forestais

[30-12-2017] A semana pasada realizouse unha primeira reunión cos veciños e veciñas do “ámbito 04 - entorno talleres e gasolineira de Aldea Nova”, para que os técnicos/as municipais lles explicaran de primeira man a segunda fase do Plan de prevención de incendios forestais. Dito plan comezou en 2016 na parroquia de Piñeiro. No pleno ordinario do mes de decembro aprobouse por unanimidade o Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais co obxectivo de darlle maior estabilidade ao longo dos vindeiros anos. Ademais, o devandito plan foi enviado á FEGAMP e ao Parlamento Galego, para que se teña en conta de cara ao estudio dunha nova política municipal forestal.

A segunda fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames dá continuidade á experiencia piloto do ano pasado e na que se conseguiu actuar sobre 37 parcelas no núcleo de Piñeiro, cubrindo un total de 19.374 metros cadrados. O número total de plantas que se lograron establecer na primeira fase foi de 815, gracias aos 37 convenios asinados entre 33 propietarios implicados e o Concello de Ames, cun financiamento do 80% por parte da Administración local nas actuacións de limpeza, tala e plantación. A revisión das plantacións levadas a cabo no ano 2017 deixa un balance moi positivo, cun porcentaxe de éxito no crecemento das árbores do 97,2%.

O Concello vén de elixir os ámbitos forestais que se incluirán dentro da anualidade 2017-2018. As labores de prevención comezarán por rematar o ámbito 18 de Piñeiro do ano pasado, onde xa se conta con 6 fincas onde se vai a desenvolver este plan. Para iso xa están asinados os convenios cos propietarios/as destas 6 parcelas e os traballos previos xa están realizados. Tamén se actuará no ámbito 27 de Piñeiro (en 83 fincas onde os traballos están pendentes de comezar) que conta cunha superficie de 3,5 hectáreas. Un ámbito novo será o de Mercuto, onde se situará unha pequena faixa de 6 fincas, de rápida actuación e de resultados inmediatos.

Na segunda fase tamén se actuará nun dos ámbitos prioritarios que é o de Aldea Nova, catalogado no estudio previo como de alto risco. Este ámbito forestal está dividido en dous: 4A e 4B. O 4A comprende parte da urbanización de Aldea Nova, mentres que o 4B son as edificacións illadas que aglutinan talleres, concesionarios e gasolineira da zona. O número de fincas forestais que se verán afectadas neste ámbito é de 75, mentres que as urbanas sitúanse en torno ás 55.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, destaca que os obxectivos que persegue o Concello a través deste plan son “poñer en valor o terreo que non é explotable forestalmente nas faixas de seguridade coa plantación de árbores froiteiras. Ao mesmo tempo pretendemos obter beneficios medio ambientais coa mellora da biodiversidade, realizar un control do monte baixo, e aproveitar estas faixas de seguridade do monte para que teña un uso social e veciñal”. Actuarase en 235 parcelas coa plantación de 4.200 árbores
En total a segunda fase do plan de repoboación pretende alcanzar a cifra de 235 parcelas, para o que o Concello xestionará a compra de árbores suficientes de cara a contar coas especies máis eficaces de cara á plantación. Deste xeito, continuarase coa repoboación de árbores frondosas-caducifolias (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) que se plantarán tendo en conta as distancias indicadas na lei segundo a proximidade de casas, estradas, etc.

Na segunda fase está previsto actuar en 14 hectáreas coa plantación de 4.200 árbores frondosas caducifolias. Deste xeito, ademais de crear unha barreira natural contra o lume, mellorase a calidade do chan e dáselle un forte impulso ao aumento da biodiversidade que sofre unha forte merma nos terreos de monocultivo de coníferas e eucaliptais. As plantacións desenvolveranse ao longo dos meses de xaneiro e febreiro, tal e como aconteceu o ano pasado.

51.000 euros para a segunda fase
Ademais, o Concello dispón dunha brigada, composta por un responsable de brigada e dous peóns, que se encargan dos traballos da segunda fase deste plan. O Concello asume o custe da contratación deste persoal, que ronda os 27.000 euros, por un período de catro meses. A este importe hai que engadirlle o custe que supón dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto suma 8.000 euros, o que da un importe total de 35.000 euros. Ademais, o Concello asume o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación que ascende a 16.000 euros. En total, o Concello destinará 51.000 euros de fondos propios á segunda fase deste plan.

No caso de que se modifique a Lei 3/2007 aumentarían os metros de xestión de biomasa actuando entón en terreos forestais e urbanos de 30 a 50 metros de distancia ao ámbito urbano ou a vivenda respectivamente. Isto implicaría un incremento do número de árbores plantados co conseguinte aumento en 10.000 euros a contía que tería que achega o Concello. Neste caso ampliaríase en 8,3 o número de hectáreas a traballar e en 2.490 o número de árbores a plantar.

O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “para o goberno municipal este plan de prevención de incendios forestais é prioritario, e de aí que se lle estea dando prioridade na estrutura municipal. A aprobación do Plan de medidas preventivas fronte a incendios forestais no pleno ordinario deste mes de decembro permitirá darlle maior estabilidade ao longo dos vindeiros anos co obxectivo de realizar actuacións programadas ano a ano e en base ao estudo realizado de catalogación de faixas prioritarias”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925