Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas En 2017...


En 2017 repartíronse arredor de 54 toneladas de alimentos entre as familias con maior necesidade de Ames

[03-01-2018] O Concello de Ames fai balance do traballo feito no Banco municipal de alimentos. Ao longo de 2017 repartíronse arredor de 54 toneladas de alimentos entre as familias con maior necesidade. Este programa está xestionado pola Concellaría de Servizos Sociais en colaboración co departamento de Voluntariado. Os alimentos que se reparten proceden principalmente de tres programas: o fondo de axuda europea para as persoas más desfavorecidas en España; o fondo galego de garantía agraria; e do banco de alimentos Rías Altas (Balrial).


O Banco Municipal de Alimentos de Ames abastece de alimentos básicos a unhas 200 familias do concello, que atravesan dificultades económicas, e que son atendidas a través das Unidades de Traballos Social (UTS) de Bertamiráns e do Milladoiro. O último reparto de 2017 realizouse a mediados do pasado mes de decembro. Neste caso entregáronse alimentos non perecedoiros procedentes do FEAD (Fondo de axuda europea para as persoas más desfavorecidas en España). Deste fondo, ao longo de 2017 repartíronse, en tres quendas diferentes, un total de 38.000 quilos de alimentos non perecedoiros.

Ademais, en novembro de 2016 o goberno municipal asinou un convenio de colaboración co Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial). A través deste banco de alimentos en 2017 dispúxose de 6.000 quilos de alimentos de todo tipo. Isto permitiu ampliar a variedade de alimentos dispoñibles para as familias e dispor de produtos para bebés, como biberóns ou cueiros, e doutros produtos hixiénicos.

Por outra banda, grazas ao acordo acadado con Balrial o Concello de Ames tamén puido acollerse ao programa do Fondo galego de garantía agraria (FOGGA), a través do cal o pasado ano se entregaron 10.000 quilos de froitas e verduras. O reparto destes produtos realízanse aproximadamente cada 15 días (fanse dúas entregas ao mes).

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, explica que “grazas ao convenio subscrito con Balrial e ao acordo co FOGGA, puidemos ampliar a variedade de produtos que se reparten dende o Banco municipal de alimentos. Ata ese momento nutriámonos principalmente dos alimentos que viñan da Unión Europea a través da Cruz Vermella. Así puidemos comezar a repartir entre os nosos usuarios e usuarias produtos frescos como froitas e verduras, alimentos precociñados e produtos de hixiene”.

Este programa está xestionado pola Concellaría de Servizos Sociais en colaboración co departamento de Voluntariado. Para o funcionamento deste programa é fundamental a colaboración dos voluntarios e voluntarias da OVA, así como o traballo dos membros da brigada municipal de obras que se encargan de facer a descarga de alimentos e o traslado de ditos alimentos a UTS do Milladoiro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925