Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Punto Limpo de Ames...


O Punto Limpo de Ames rexistrou máis de 450 persoas usuarias no mes de decembro

[09-01-2018] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro, continúa a rexistrar uns magníficos datos que amosan a concienciación da cidadanía amesá co medio. No mes de decembro, o centro rexistrou máis de 450 persoas usuarias, que depositaron no Punto Limpo aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Madeira, pneumáticos, envases baleiros contaminados e equipos eléctricos foron algúns dos materiais e obxectos máis depositados. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.


A veciñanza amesá demostrou, novamente, a súa preocupación medioambiental a través dos datos rexistrados no centro de depósito do Punto Limpo, un espazo no que se deixan aqueles residuos que non van aos colectores convencionais. No mes de decembro, foron preto de 460 as persoas que se achegaron ata este punto, co obxectivo de depositar alí todo tipo de residuos, favorecendo a súa mellor xestión e evitando o seu depósito de xeito incontrolado.

Ao longo deste mes, as veciñas e veciños de Ames entregaron 3458 quilos de equipos electrónicos, 200 quilogramos de envases baleiros contaminados e 270 quilos (27 unidades) de pneumáticos. De igual maneira, tamén foron entregadas no Punto Limpo 69 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 40 quilos (6 unidades) de baterías de chumbo, 10 quilogramos (350 unidades) de pilas e 26 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 20 metros cúbicos de plásticos, 30 de metais e outros 60 de madeira, así como 35 quilogramos de pintura. A veciñanza amesá tamén achegou, durante o mes de decembro, 37 litros de aceites vexetais e outros 59 de aceite de motor. Así mesmo, o punto Limpo tamén recolleu 6 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 60 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas. 

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo é un espazo no que as veciñas e veciños de Ames poden deixar aqueles obxectos e materiais que non deben ser depositados nos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro e papel. Este espazo atópase situado na rúa das Hedras, no polígono do Novo Milladoiro.

O horario de apertura é de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas, de luns a venres. Os sábados, o horario é de 09:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00 horas. Ademais, as persoas que teñan calquera dúbida en relación ao Punto Limpo poden chamar ao número de teléfono 981 536 688. Para solicitar a recollida de voluminosos e obxectos a domicilio, as veciñas e veciñas de Ames teñen que chamar ao número de teléfono 981 191 240.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario, equipado de colectores específicos e capacitado para recibir os residuos das persoas censadas en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. O servizo é de balde para as veciñas e veciños do concello. O Punto Limpo ten como obxectivos favorecer a separación de residuos en orixe, contribuír á reciclaxe dos residuos recollendo os enseres domésticos, así como participar na loita contra os vertidos incontrolados.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925