Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O 15 de xaneiro...


O 15 de xaneiro remata o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación Entroido Lúdico

[11-01-2018] O Concello de Ames pon en marcha, por segundo ano consecutivo, o programa de conciliación Entroido Lúdico. O servizo desenvolverase os días 12, 13 e 14 de febreiro, entre as 07:30 e as 16:00 horas. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición do Entroido Lúdico.

O Entroido Lúdico desenvolverase no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro, os días 12, 13 e 14 de febreiro. O obxectivo deste servizo é facilitar á poboación amesá, composta por numerosas familias con crianzas, a compatibilidade da vida laboral co cuidado das nenas e nenos. O programa está dirixido ás cativas e cativos escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que “a posta en marcha deste programa, en febreiro de 2016, debeuse á demanda de moitas familias amesás”. “Agardamos que pouco a pouco se consolide no tempo como un programa máis dos lúdicos, xa que existen moitas nais e pais que por esas datas necesitan deste servizo para poder conciliar a súa vida laboral e familiar”, engadiu Santomil.

Tramitación das inscricións
As inscricións pódense realizar nos rexistros do Concello: na Casa do Concello, no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina, ou na Oficina Municipal do Milladoiro. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal. O prazo de inscrición remata o vindeiro luns, 15 de xaneiro.

O Entroido Lúdico súmase, así, aos programas de conciliación ofertados de xeito regular ao longo do ano: o Nadal Lúdico, a Primavera Lúdica, o Xuño Lúdico e o Setembro Lúdico. Así mesmo, no Concello de Ames tamén existen outras alternativas de conciliación como a Escola de Verán. 

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925