Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas As ordes de...


As ordes de execución para a limpeza de fincas incrementáronse nun 40% entre os anos 2015 e 2017

[11-01-2018] Durante o pasado ano, o Concello de Ames emitiu un total de 160 ordes de execución a persoas propietarias de parcelas para que acometesen a súa limpeza e as mantivesen en condicións de seguridade, salubridade e ornato público. Así mesmo, realizáronse revisións das parcelas que tiveron unha orde de limpeza, co obxectivo de comprobar que estaban en boas condicións. No mes de agosto de 2015, o Concello de Ames puxo en marcha a campaña “Faino ti, faino por todos”, de fomento da limpeza de parcelas que se atopan en estado de abandono. A campaña gozou dun grande éxito entre a cidadanía, o que se viu reflectido no aumento das ordes de execución de limpeza de fincas, que pasaron das 98 do 2015 ás 160 do pasado ano 2017.

As persoas propietarias de parcelas deben cumprir a súa obriga de mantelas limpas e en correctas condicións de seguridade, salubridade e ornato público. Cando isto non se cumpre, tanto o Concello como a veciñanza poden interpor unha denuncia coa finalidade de que a devandita finca sexa limpada. As denuncias poden ser tramitadas ben de oficio ou ben por parte do departamento de Urbanismo. Do mesmo xeito, tamén poden ser interpostas por persoas particulares. Durante o ano 2017, emitíronse un total de 160 ordes para a limpeza das fincas, algunhas delas a instancias do goberno municipal en parcelas urbanas situadas na zona de Cantalarrana e na urbanización Bosque Animado ou na de Raíces, entre outras.

A maiores, todos os anos ao comezo da primavera, o Concello de Ames publica un bando informativo do alcalde no que aparece recollida a obriga que todas as persoas propietarias de parcelas teñen de limpalas e mantelas en bo estado. O concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos, Blas García, resalta o traballo realizado desde o departamento municipal de Urbanismo na xestión e control dos expedientes; así mesmo, tamén pon de manifesto a colaboración da Policía Local amesá, indicando, ademais, "que é moi importante a colaboración veciñal nas posta en coñecemento das parcelas que se atopan en mal estado, para poder actuar sobre elas".

Con estas actuacións, o Concello de Ames buscar mellorar a conservación do medio ambiente do municipio, evitar as molestias que o abandono de parcelas supoñen para a veciñanza de Ames e rebaixar nalgunhas zonas o risco de incendios. Nas limpezas de parcelas urbanas aplícase o disposto nos artigos 9 e 199 da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia e nos artigos 24 e seguintes do Regulamento de Disciplina Urbanística de Galicia (RDU).

Faino ti, faino por todos”
Baixo o título “Faino por ti, faino por todos. Se tes un terreo é necesario que o manteñas libre de maleza”, o Concello de Ames quere potenciar a actitude solidaria da veciñanza, co obxectivo de mellorar a vida cotiá das veciñas e veciños, así como a imaxe dos terreos e dos espazos verdes do municipio. “Faino por ti, faino por todos” trátase, polo tanto, dunha campaña en positivo que busca concienciar á cidadanía, en xeral, e as persoas propietarias de parcelas, en particular, dos inconvenientes de deixar parcelas en estado de abandono e cheas de maleza.

A campaña, que foi difundida a través da páxina web e das redes sociais do Concello e do bando colocado nos taboleiros de anuncios municipais, así como a través de comunicacións directas ás persoas propietarias que tivesen que realizar estes traballos de limpeza, gozou de grande éxito entre a veciñanza, o que se viu reflectido no aumento das ordes de execución de limpeza de parcelas. En 2015, emitíronse no total 98 ordes. No ano 2016, as ordes de execución alcanzaron as 154 e no 2017 aumentaron ata as 160. Este crecemento mantido no tempo supón un incremento das ordes para a limpeza de parcelas en preto do 40%, entre os anos 2015 e 2017.

Unha parte importante desta campaña é a habilitación, por parte do Concello de Ames, dun correo electrónico específico, urbanismo@concellodeames.org, para recoller as protestas e as denuncias da cidadanía en relación á limpeza de fincas en estado de abandono. Estas achegas poden ser realizadas, asemade, a través das redes sociais, Facebook e Twitter, do Concello. 


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925