Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Consello Municipal...


O Consello Municipal de Deportes manterá o vindeiro luns a primeira xuntanza do 2018

[12-01-2018] O vindeiro luns, 15 de xaneiro, o Consello Municipal de Deportes celebrará a súa primeira xuntanza deste ano 2018, na que se abordarán, entre outros temas, os premios da duodécima edición da Gala do Deporte, así como a data de celebración da mesma. Outra das cuestións que se debaterán no próximo Consello será a modificación das bases da Gala, no relativo á retirada ou modificación do límite de anos nos que unha persoa premiada non se pode volver presentar como candidata ou candidato. A mediados de febreiro, o Concello Municipal de Deportes volverase reunir para afondar nos asuntos tratados na xuntanza de outubro, nomeadamente as subvencións divididas, a nova liña de bolsas deportivas, así como diferentes aspectos vinculados aos investimentos e regulamentos.

Tres meses após a última xuntanza, e nas mesmas datas que o ano pasado, o Consello Municipal de Deportes de Ames reúnese o próximo luns, 15 de xaneiro, por vez primeira neste ano 2018. Nesta ocasión, a xuntanza estará centrada na duodécima edición da Gala do Deporte, que se celebrará a principios do vindeiro mes de febreiro, e na que se escollerán ás e aos mellores deportistas de Ames do ano 2017. Deste xeito, o Consello Municipal de Deportes elixirá, o luns, a data de celebración da Gala, ademais das persoas candidatas que cada entidade ou club queira trasladar ao Concello. Así mesmo, o Consello Municipal de Deportes tamén deberá debater, nesta xuntanza, o premio de recoñecemento especial, elixindo á posible persoa candidata.

Ademais, o luns, tamén se abordará a modificación das bases da Gala do Deporte, de cara a estudar a posible retirada ou redución do límite de anos nos que unha persoa premiada non se pode volver presentar como candidata. A xuntanza rematará, como é habitual, co apartado de rogos e preguntas reservado ás consultas que as entidades poidan ter sobre a programación deste ano. De igual maneira, desde a Concellaría de Deportes, aproveitarase a ocasión para anunciar a realización dun novo Consello a mediados do mes de febreiro, no que se afondará nos asuntos tratados na asemblea do pasado mes de outubro: subvencións divididas, nova liña de bolsas deportivas e diferentes aspectos de investimentos e regulamentos.

“Esta nova xuntanza do Consello Municipal de Deportes é unha clara mostra do bo funcionamento que está a ter esta iniciativa de participación que, ademais, permite aos clubs e entidades de Ames formar parte do día a día do Concello no eido deportivo”, destacou o concelleiro de Deportes e alcalde de Ames, José Miñones. Do mesmo xeito, José Miñones tamén quixo destacar a importancia que para o goberno municipal ten o contacto continuo cos colectivos deportivos; un contacto básico de cara á programación de actividades e investimentos. “Desde o Concello de Ames seguiremos apostando nesta vía de colaboración coas entidades deportivas”, engadiu Miñones.

XII Gala do Deporte de Ames
Na Gala do Deporte, entregaranse os premios correspondentes a oito categorías diferentes: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista ou equipo máis destacado dun club, promesa masculina, promesa feminina, premio especial do público, mellor club e recoñecemento especial. Desde mediados do pasado mes de de decembro, a páxina web do Concello ten publicada a enquisa para votar pola gañadora ou gañador do premio especial do público.

As votacións poderanse realizar ata o vindeiro mércores 17 de xaneiro. Ata o de agora, hai rexistrados 1569 votos, que se reparten entre as cinco persoas candidatas:o xogador de squash, Borja Golán Sanmartín; o xogador de fútbol, Fernando Seoane Antelo; a patinadora, Nadia Iglesias de Salvador; o boxeador, José Ramón Mirás; e a futbolista, Nuria Rábano Blanco. Os resultados provisionais pódense consultar na páxina web municipal. O resto de premios daranse a coñecer durante a celebración da Gala. 

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925