Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Policía...


A Policía Local de Ames realizou unha campaña especial de control das condicións dos vehículos entre o 15 e o 21 de xaneiro

[26-01-2018] O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) colaboraron na campaña especial de control das condicións dos vehículos, que se desenvolveu entre o 15 e o 21 de xaneiro. No total, incoáronse nove denuncias polo mal estado dalgúns dos elementos de seguridade dos automóbiles. Así mesmo, o 20 de xaneiro, a Policía Local de Ames procedeu á detención dun condutor por un delito de atentado a autoridade e outro contra a seguridade viaria por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

En virtude do convenio bilateral básico asinado entre o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico, a Policía Local colaborou, entre o 15 e o 21 de xaneiro, nunha campaña especial de control das condicións dos vehículos. Desta maneira, durante o desenvolvemento da mesma, a Policía Local vixiou o estado dos pneumáticos, das placas das matrículas, do alumeado e dos elementos de señalización, entre outros, así como a vixencia da documentación de cada vehículo. No total, realizáronse 212 controis, dos cales nove remataron en denuncia.

Esta campaña cobra especial relevancia debido á antigüidade media dos vehículos nos que viaxaban as vítimas mortais de accidentes de estrada no 2016, a cal foi de 12 anos en turismos, de 9 en motocicletas e de 13 no caso dos camións. Por causa disto, a DXT inclúe, entre as súas campañas anuais, unha dedicada exclusivamente ás condicións dos vehículos que circulan polas estradas.

Outras actuacións
O pasado 20 de xaneiro, a Policía Local de Ames recibiu múltiples chamadas informando acerca dun vehículo que tiña causado danos nunha marquesiña situada na rúa Pedregal, en Bertamiráns. As persoas que alertaron da situación, ofreceron á Policía datos concretos acerca do condutor e do vehículo, polo que os axentes de garda conseguiron localizalo posteriormente. Unha vez que os axentes procedían á identificación do condutor, este tentou agredilos, polo que se procedeu a súa detención por un suposto delito de atentado contra os axentes da autoridade e outro delito contra a seguridade viaria por condución baixo os efectos do alcohol.

A coordinación entre a Policía Local de Ames e a Garda Civil tamén permitiu a detención dun veciño, que causara diferentes tentativas de roubos en comercios amesáns, materializándoos en tres casos. O detido foi posto a disposición xudicial. Alén diso, os axentes da Policía Local manteñen un dispositivo especial de vixilancia debido aos roubos ocasionados en vivendas da localidade, en coordinación coas demais forzas de seguridade do estado.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925