Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Xunta de Goberno...


A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación do servizo de canceira e lacería

[01-02-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación do servizo de lacería, canceira, recollida e incineración de cadáveres de animais abandonados/perdidos do Concello de Ames. Este proceso de licitación realízase mediante un procedemento negociado sen publicidade, con varios criterios de adxudicación e tramitación ordinaria, con unha duración inicial de dous anos podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. Asemade, dende o goberno municipal están traballando na elaboración da ordenanza de protección e benestar animal e na ampliación do parque canino de Bertamiráns, situado no parque do Ameneiral. Tamén recordan que o Concello de Ames xa leva cumprindo coa nova lei de protección animal, que entrou en vigor o 11 de xaneiro, desde fai un ano e medio antes de que se aprobase dita lei.

O goberno municipal aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, 1 de febreiro, o expediente de contratación do servizo de lacería, canceira, recollida e incineración de cadáveres de animais abandonados/perdidos do Concello de Ames. O obxecto desta contratación é a prestación deste servizo cunha orientación totalmente diferente ao que se estaba a dar, eliminando o sacrificio dos animais e apostando por establecer un sistema complementario de adopción con campañas de sensibilización.

Asemade, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e os pregos de prescricións técnicas que rexerán dito proceso de contratación. Tamén se aprobou invitar a un mínimo de catro empresas á licitación, para que durante o prazo de 15 días naturais a contar dende o día seguinte a recepción da invitación poidan presentar as proposicións que estimen pertinentes. Estas empresas son o refuxio de animais de Bando, o centro canino La Rosaleda, a entidade Xestión Ética do Abandono (XEA) e mailo refuxio de animais de Cambados.

Por outra banda, dende o goberno municipal lembran que xa se está cumprindo coa nova lei de protección animal, que entrou en vigor o 11 de xaneiro, desde fai un ano e medio antes de que se aprobase dita lei. O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, explica que “dende o 1 de outubro do 2016 o goberno municipal decidiu non prorrogar o contrato de lacería coa empresa Servigal, xa que dende o Concello de Ames apóstase pola adopción fronte ao sacrificio dos cans”.

Ordenanza de protección e benestar animal
Asemade, dende o goberno municipal están traballando na elaboración da ordenanza de protección e benestar animal que será levada ao Pleno unha vez estea rematada. Tamén en poucas semanas realizarase unha ampliación do parque canino de Bertamiráns, situado no parque do Ameneiral, ao que se lle engadirá a zona valada da antiga pista de volei praia. Deste xeito, os usuarios contarán co dobre de superficie e pechada, como reclamaban os donos dos cans que alí acoden e mellorando os espazos de esparexemento para mascotas polo que o goberno aposta e que cumprimenta o realizado no seu día no Milladoiro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925